O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM), analizou as percepcións e preocupacións de 59 actores relacionados con sector mexilloeiro en relación coa situación á que se enfronta a acuicultura do mexillón en Galicia ante os cambios ambientais. O estudo, publicado na revista Aquaculture, foi levado a cabo por Mario Soliño Millán, científico titular e xefe do grupo Ciencias Sociais Aplicadas a Recursos Mariños e Costeiros e Antonio Figueras Huerta, profesor de investigación no grupo Inmunología e Xenómica.

“A acuicultura do mexillón está ante unha situación ameazante. Aínda que a produción mantívose estábel durante os últimos 15 anos, en 2023 experimentou un forte descenso ata niveis non vistos desde finais do século XX. As causas exactas desta caída aínda non están claras, pero crese que factores climáticos como o aumento da temperatura do mar, a acidificación oceánica e os cambios nos patróns de afloramento poden ser claves”, explican Soliño e Figueras (IIM-CSIC), engadindo que “segundo datos da FAO, España é o terceiro maior produtor mundial de mexillón, despois de China e Chile, contribuíndo co 44,59% da produción europea e 9,98% da produción global. Galicia domina a produción nacional e europea de mexillón, coas Rías Baixas como a súa principal área de cultivo”.
Explican tamén que “a produción de mexillón foi básica para o desenvolvemento socioeconómico e cultural de localidades costeiras, polo que a recente diminución da produción representa unha preocupación importante para as comunidades locais. A diminución da produción de mexillón por baixo das 200.000 toneladas en 2023 expón serias preocupacións sobre o futuro do sector. E no ano 2024 (xa co estudo finalizado) a situación non cambiou, senón todo o contrario: as cifras son aínda peores e auguran anos difíciles para o sector. Neste contexto de incerteza, é fundamental reflexionar sobre estratexias de mitigación para protexer a estabilidade económica e social da industria. E é aí onde se enmarca este estudo”, explican.
A investigación levouse a cabo aplicando o método Q, que permite analizar cuestións cualitativas do comportamento humano, e, segundo lembran, foi “amplamente utilizado para realizar análise de identificar discursos”. Os autores exploraron monografías e outras fontes de información como artigos científicos, recensións empresariais, prensa, etc. A partir diso, conformouse un conxunto de 30 afirmacións para tentar reflectir a diversidade e complexidade dos diferentes puntos de vista existentes. Estas afirmacións clasificáronse en tres dimensións: aspectos ambientais (11), aspectos socioeconómicos (11) e coñecemento en xeral (8). Entre os aspectos ambientais, por exemplo, a afirmación de que a presenza de biotoxinas nos esteiros supón un grave perigo para a acuicultura do mexillón ou que as condicións naturais das rías galegas experimentarán cambios drásticos ao longo as próximas décadas; entre os socioeconómicos que se a industria do mexillón colapsase provocaría unha crise económica e social nas principais zonas de produción, como a ría de Arousa ou que a industria conserveira utilizará, cada vez máis, mexillón non producido en Galicia; e na dimensión de coñecemento xeral que o mexillón galego asóciase a un produto de luxo ou gourmet ou que o sector mexilloeiro enfrontarase con graves problemas coa semente.

Participaron 59 persoas, principalmente mulleres (54,24%). Aínda que a maioría dos participantes eran galegos, 7 persoas doutras comunidades autónomas españolas tamén achegaron cadansúas perspectivas sobre a acuicultura galega do mexillón. As súas actividades profesionais estaban relacionadas principalmente coa acuicultura e o mexillón e en menor medida coa pesca, a xestión ou o comercio.
Os resultados apuntan cara a unha gran inquietude sobre o futuro do sector, debido principalmente a factores ambientais que afectan á produción do cultivo, e tamén inclúen desafíos adicionais, tales como o impacto das especies invasoras ou os cambios socioeconómicos dentro do propio sector. En canto ás estratexias para adaptarse a eses cambios cabe citar unha maior orientación cara a mercados internacionais, a promoción do produto en base á denominación de orixe e a súa calidade asociada ou a promoción dos beneficios do seu consumo para a saúde.
“O estudo ofrece, por tanto, información práctica sobre riscos, oportunidades e estratexias para axudar a garantir a resiliencia do sector nunha era que se caracteriza tanto por unha incerteza ambiental como de mercado”, din Soliño e Figueras, que avogan por “a necesidade de actuar para garantir a resiliencia da acuicultura do mexillón. Os cambios ambientais ameazan os sistemas de produción. É necesario adoptar medidas estratéxicas urxentes que poidan asegurar o futuro do sector”.