
Os seis edís que conforman o grupo do Partido Popular de Padrón decidiron abandonar a última sesión plenaria. Fixérono, segundo fan saber nun comunicado, “logo de que o rexedor, Anxo Rei Arca, se negase, unha vez máis, a facilitar información referente a asuntos que teñen que ver coa actividade do Goberno Local e non contestase as preguntas formuladas pola oposición”. Os populares acusan ao rexedor de “falta de transparencia” e dun “manifesto escurantismo” no proceder do Goberno Local, e subliñan “que a oposición ten dereito a exercer o control sobre a actividade do Executivo municipal no pleno”.
No comunicado engaden que “estamos cansos de que non se nos facilite a información que reclamamos e de que o señor Rei Arca crea que pode negarnos algo que nos corresponde na nosa tarefa de exercer a oposición”, apuntan os populares, sinalando que “con data 5 de marzo solicitamos copia do expediente das obras e actuacións realizadas na área recreativa da desembocadura no río Sar-Ulla, así como da instalación de dúas columnas na entrada da vía de acceso peonil e de bicicletas que conduce a dita área, e antes, o 14 de febreiro, presentamos un escrito solicitando datos sobre solicitudes de comunicación previa de obras dende o ano 2022 ata o 2024; ao que se engaden as solicitudes de licencia de obra maior do mesmo período e máis as peticións para coñecer o custe total das obras realizadas na Gardería Municipal temporal de Carcacía”. Sosteñen que “lonxe de falicitar toda esta información, o que nos atopamos por parte do Goberno Local son trabas e problemas para acceder a uns documentos de interese público e que deben servir para fiscalizar o labor do executivo”. O PP advirte de que seguirán a reclamar os seus dereitos como grupo da Corporación e adianta “que, lonxe de quedarnos aquí, seguiremos a insistir en pedir información sobre todo o que atinxe ao día a día da xestión municipal”.
“




