
A Real Academia Galega, a través do escritor e investigador Ramón Villares, reivindicou este mes de febreiro un libro capital da historia das nosas letras, Sempre en Galiza, do rianxeiro Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Fíxoo no marco do intenso programa que impulsan as nosas entidades culturais (entre elas a RAG) este 2025 coincidindo co 75 cabodano do pasamento do escritor e debuxante en Bos Aires.
Referente para o galeguismo
Libro esencial na cultura política galega do século XX, o Sempre en Galiza de Castelao saía do prelo por primeira vez no ano 1944 na capital de Arxentina. O volume converteuse decontado nun referente para o galeguismo do exilio e tamén do interior, onde foi lido de modo fragmentario ata a súa difusión masiva nos anos 70 do século pasado, lembra o académico Ramón Villares. No 75 cabodano do seu autor, estas páxinas son a peza destacada do mes de febreiro do sitio web sobre Castelao no que a Real Academia Galega está a afondar na figura e no legado do intelectual e artista rianxeiro. O encargado de comentalas é o director da Sección de Historia, quen define este título como un testamento no que Castelao “deixa constancia da loita política e cultural da súa xeración, galeguista e republicana”.
A obra que Castelao dixo escribir para escorrentar a morriña “segue viva despois de tantos anos porque narra a experiencia do autor como líder do galeguismo na II República, na guerra civil e no exilio e porque ofrece un futuro de esperanza para as xeracións futuras, mesmo a través do seu Alba de Gloria“, valora Ramón Villares en referencia ao discurso que pecha a segunda edición, de 1961. Engade Villares que Sempre en Galiza é unha obra de textos de carácter heteroxéneo, “dada a diversidade de contextos políticos nos que foi escrito», dende aos anos 30 ata finais dos 40 do século pasado. Contidos que “son coma un río polo que corren as augas do pensamento galeguista, desde os provincialistas e rexionalistas ata os seus coetáneos nacionalistas da xeración Nós que, como Risco ou Otero Pedrayo, fixeran contributos esenciais para interpretar Galicia como realidade nacional”, explica o historiador, engadindo que “a diferenza dos seus compañeiros, Castelao unifica a análise do ser nacional de Galicia, fundado en fortes trazos etnoculturais (terra, lingua, tradición), coa aposta de integrar a política galega no conxunto de España e mesmo da Iberia, dada a súa apelación constante a Portugal, mediante a fórmula dunha república federal española ou ibérica”.
Un percorrido visual pola publicación e a súa historia
O comentario do historiador acompáñase na web da RAG dunha galería de imaxes, a maioría procedentes da biblioteca da RAG, ás que se engaden as de manuscritos que se reproducen por cortesía do Museo de Pontevedra. A través delas, coméntanse de forma divulgativa as claves da publicación e da súa recepción en América e á outra beira do Atlántico.
A primeira edición de Sempre en Galiza, ao coidado do autor e datada o 10 de marzo de 1944, foi posíbel co apoio económico do Centro Ourensán de Bos Aires e contou cunha tiraxe de máis de 2000 exemplares. Constaba de tres libros, precedidos dun Adro que arrinca con estas palabras que Castelao escribira en 1935 no desterro: Estou lonxe da miña Terra: en Badaxoz. Cóbreme un inmenso fanal azul. Atópome na torre de Espanta Perros e vexo dende eiquí as rúas ensarilladas da cibdade. Desde o exilio estremeño publicara en A Nosa Terra a serie de artigos Verbas de chumbo, os textos que constitúen o limiar.
Se o Adro coincide co desterro en Badaxoz, o Libro primeiro, escrito durante a Guerra Civil española, recolle as colaboracións nos xornais Nueva Galicia e Nova Galiza entre València e Barcelona. O Libro segundo comezou a redactalo Castelao en Nova York na primeira metade de 1940 e rematouno durante a viaxe no buque Argentina, que o levou dende os Estados Unidos ata Buenos Aires. E o Libro terceiro concibiuno en Bos Aires, entre 1942 e 1943, nun momento marcado pola esperanza de que o triunfo dos aliados na Segunda Guerra Mundial extinguise o réxime franquista.
A segunda edición, ao coidado de Rodolfo Prada e editada tamén en Bos Aires, once anos despois da morte de Castelo, incorpora o Libro Cuarto. Castelao escribírao en 1947 á súa volta á capital arxentina dende París, tras a caída do Goberno de Giral, do que era ministro sen carteira.

En Galicia a recepción de Sempre en Galiza viuse limitada pola ditadura franquista e os exemplares da obra chegarían de forma clandestina. A acollida que non se lle puido dar na súa terra atopouna entre a comunidade galega na capital porteña. “O 2 de xullo de 1944, a Irmandade Galega de Bos Aires organizou unha multitudinaria homenaxe co gallo da publicación do Sempre en Galiza. A pesar de que o goberno arxentino prohibira realizar manifestacións políticas en actos públicos, a celebración converteuse nun verdadeiro acto político de apoio a Castelao e a prol da creación dun goberno galego no exilio presidido por el”, destácase na sitio web da RAG sobre o autor, onde se engade que “no discurso pronunciado durante a homenaxe, Castelao caracterizou o seu recente libro como unha tentativa de expresar en ideas os mesmos sentimentos amosados a través dos seus debuxos, salientando así a continuidade e a coherencia do seu percorrido ideolóxico”,.
O libro recibira a primeira recensión na prensa no mes de maio, nas páxinas do Correo Literario de Buenos Aires, que dirixían os galegos Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela e Luís Seoane. O propio Seoane, baixo as siglas C. A., referíase nestas liñas a Sempre en Galiza como unha importante contribución para o tratamento dos problemas que afectaban a Galicia e salientaba tamén que Castelao realizaba unha defensa apaixonada das liberdades galegas. Era, ao seu xuízo, en definitiva, “uno de esos libros que invitan a la lucha y a la polémica y que por eso mismo, perduran en el tiempo”, concluía.
