O BNG demanda ao Goberno galego que regule “urxentemente” o baleirado e limpeza dos encoros

13 Febreiro 2025

A responsábel de Pesca e Marisqueo do BNG no Parlamento galego, Rosana Pérez, reclamou á Xunta este xoves 13 de febreiro, en rolda de presa desde o Freixo (Outes), “elaborar de inmediato un regulamento de baleirado e limpeza dos encoros da súa competencia, priorizando a seguridade das persoas, dos bens, da calidade das augas e da actividade produtiva das rías”.

A parlamentaria nacionalista da Pobra do Caramiñal requiriu “establecer nese regulamento, ademais do exhaustivo procedemento de baleirado e limpeza dos encoros, as infraccións e sancións acaídas aos responsábeis dos danos ás persoas e bens e aos que provoquen alteracións na calidade das augas, que causen danos á fauna e flora e, en particular, ás poboacións de peixes e mariscos, así como as indemnizacións ás que terían que facer fronte para resarcir os danos causados en cada caso”.

Engadiu que “os encoros do Tambre, o do Umia ou o do Ulla son obxecto de queixas todos os anos por distintos sectores, nomeadamente polo sector marisqueiro a causa da mortaldade do marisco, polo que é unha obriga da Administración galega regular o baleirado, así como velar polo cumprimento das normas vixentes e actuar contra quen as infrinxe”, incidiu.

Décadas de reclamacións

“Despois de que distintas entidades, especialmente as confrarías, leven décadas reclamando do Goberno galego elaborar un protocolo de baleirado e limpeza de encoros, despois de que o BNG presentase en sede parlamentaria esa mesma proposta en innumerábeis ocasións, despois de que as propias empresas eléctricas leven anos procedendo a abrir comportas e desaugar os encoros en baixamar poñendo mesmo en risco a vida das persoas, despois de que as mortaldades de marisco dos últimos anos debidas á baixa salinidade das augas deixaran os bancos de moitas zonas do país completamente arrasados, a Xunta de Galiza segue sen tomar nin unha soa medida para evitar a incidencia do baleirado e da limpeza dos encoros nestes casos”, denunciou a responsable comarcal da formación nacionalista na comarca de Muros e Noia, Soledad Agra, engadindo que “a situación é tan grave que a Confraría de Noia mesmo estuda iniciar accións xudiciais contra Naturgy”.

“Os estragos volveron acontecer de novo nos últimos días, nos que a confraría de Noia veuse afectada polas fortes choivas e pola falta de control no baleirado da presa do Tambre”, lembrou o portavoz do BNG en Outes, Anxo Núñez, apuntando que “as consecuencias foron máis de 5.000 quilos recollidos de marisco morto sen que o Goberno galego leve a cabo sequera investigacións para saber que ocorreu exactamente, e se é posible evitar ou minimizar estas situacións e como”, acrecentou o nacionalista.

“De novo os danos ambientais, económicos e sociais quedan nun segundo plano, de novo as empresas eléctricas seguen a actuar impunemente e, de novo, o Goberno galego continúa sen exercer as súas competencias e sen tomar medidas ao respecto para impedir os incumprimentos sistemáticos e evitar a afectación a un sector produtivo fundamental para o país e especialmente para a nosa comarca”, concluíu Núñez.

Outros artigos

Novo número de Código Cero, revista de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia

Como todos os meses, chega outro número de Código Cero o 278, na súa edición impresa, que se pode achegar de balde nunha completa rede de puntos de distribución, podéndose descargar tamén en formato PDF ou ler en dispositivos móbiles a través da aplicación de quiosco...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.