O secretario xeral da Lingua, Valentín García, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participaron este mércores 29 de xaneiro nunha das primeiras programacións escolares, impulsadas co apoio do Goberno autonómico para festexar o Ano Castelao, coincidindo co 75 aniversario do pasamento deste intelectual galeguista. Foi no Instituto Castelao de Vigo.

Segundo explicaron, estas actividades lévanse a cabo desde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través da coordinación cos equipos de Dinamización da Lingua e tamén das bibliotecas coas que contan as escolas galegas.
“Se nalgún sitio temos que seguir mantendo aceso a valiosa herdanza cultural, artística, intelectual e de profundo amor á lingua que nos legou Castelao, este é, sen dúbida, na educación e entre a nosa cativada, presente e futuro de Galicia”, valorou Valentín García, salientando que no marco da declaración do Goberno galego de Ano Castelao para este 2025 celebraranse, “dentro da ampla programación conmemorativa”, “iniciativas específicas para divulgar nos centros escolares galegos a relevancia da figura e da obra do autor de Rianxo, como é o caso deste centro vigués”, apuntou.
O Instituto de Secundaria Castelao de Vigo é o primeiro que bota andar un programa de actividades no centro, que deu comezo este mércores 29 cunha mesa redonda inaugural, á que lle seguirán outras 13 accións máis ata decembro deste ano. As actividades inclúen encontros, charlas, conferencias, un recital e a proxección dun documental, nas que participarán ao longo deste 2025 personalidades relevantes do eido cultural, académico e artístico. Este inicio coincide co nacemento de Castelao, data que se conmemora mañá co Día da Ilustración.
Deste xeito, desde este 29 de xaneiro ata decembro deste ano, o alumnado deste instituto de secundaria poderá valorar as importantes achegas de Castelao no eido artístico e plástico, nos idearios políticos das formacións actuais ou na literatura e na dramaturxia. Nestas actividades participarán, entre outras personalidades, o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Siexas, os académicos Xesús Alonso Montero e Marilar Aleixandre ou o catedrático Xosé Ramón Pena.



