O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asinou este 22 de xaneiro un novo convenio de colaboración entre a Xunta e o Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (CETGA), emprazado en Couso (Ribeira) para o desenvolvemento dun proxecto de investigación sobre a supervivencia de bivalvos (ameixa xapónica e berberecho) mediante estratexias que illen e seleccionen cepas bacterianas con características probióticas asociadas ao seu cultivo e que poidan ser empregadas para desenvolver unha estratexia de biorremediación ambiental que incremente a súa resistencia ante episodios de baixa salinidade. Villares salientou que o Goberno galego destina a esta iniciativa de xeito plurianual preto de 700 mil euros para materializar o proxecto, denominado Biorem, coa finalidade de afondar “no desenvolvemento dunha acuicultura sostíbel” e que contribúa “á seguridade alimentaria reforzando a competitividade do sector”. Dixo que o coñecemento xerado poderá ser aplicado para o deseño de estratexias de biorremediación e mellora do estado sanitario, baseadas no uso das bacterias probióticas identificadas, que mellorarán o estado do substrato no que se desenvolven.
O titular de Mar resaltou que este convenio procura facer fronte a un dos principais desafíos que enfronta o sector marisqueiro na actualidade, identificando as causas do descenso da produción e aplicando solucións biotecnolóxicas.

Centro de referencia
Para a realización deste proxecto a Consellería do Mar alíase co CETGA que contará coa colaboración de dous grupos de investigación da Universidade de A Coruña: o Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE) do Centro de Investigación Científica Avanzada (CICA) e o Grupo Microalgae do Departamento de Microbioloxía da Facultade de Ciencias.
Este centro, que agrupa ás empresas relacionadas co sector piscícola, principalmente de Galicia, é un referente internacional na acuicultura xa que os seus asociados, con plantas repartidas por toda Europa, representan o 85 % da produción europea de rodaballo e linguado. A súa misión é “ofrecer solucións innovadoras para a mellora de produtos, procesos e sistemas, mellorando a competitividade das empresas acuícolas a través da I+D, desenvolvendo actividades en diversas áreas de coñecemento”.
