Este luns 30 de decembro o Concello de Padrón celebrará a conmemoración da Traslatio, un evento histórico que marca o traslado dos restos do Apóstolo Santiago dende Jaffa, en Israel, ata o antigo porto de Iria-Flavia.

En palabras do Concello, “trátase dun episodio de profunda relevancia tanto histórica como espiritual e que subliña o papel fundamental de Padrón na tradición Xacobea, consolidando a vila como un punto de referencia na historia universal do Camiño de Santiago”.
A cerimonia terá lugar na Igrexa de Santiago ás 20:00 horas e estará presidida por unha misa solemne oficiada por Monseñor Francisco Froján Madero, membro da Secretaría de Estado do Vaticano. A Coral Polifónica Padronesa acompañada a liturxia, e o acto culminará coa actuación do Cuarteto Novecento.

A Traslatio simboliza a chegada do corpo do Apóstolo Santiago a Iria-Flavia, un feito que tivo lugar hai máis de dous mil anos e se mantén vivo no imaxinario colectivo dos miles de peregrinos que, ano tras ano, chegan a Padrón.
Desde o Concello convídase á cidadanía a participar nesta conmemoración especial, que reforza o patrimonio histórico, cultural e espiritual da vila, e reafirma a posición de Padrón como un lugar imprescindible dentro da tradición Xacobea.
Neste día todas as persoas que o desexen poderán acceder á cámara que alberga o pedrón, a histórica ara romana que dá nome á vila e que representa un dos símbolos máis destacados da identidade cultural de Padrón.




