A Universidade de Santiago (a través do Grupo Histagra e o CISPAC), a Universidade de Pablo de Olavide, no marco do proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza, están a traballar na creación dun modelo de análise da sustentabilidade a través do estudo de tres montes veciñais multifuncionais: Baroña (Porto do Son), O Carballo (Friol) e Zobra (Lalín). Este labor remóntase ao compromiso do Laboratorio por entender mellor os manexos multifuncionais e sostíbeis do monte.
Unha vez construído o dito modelo, será aplicado no acompañamento e avaliación do proceso de transición cara unha maior sustentabilidade das comunidades de montes de Rianxo, integradas na Plataforma pola Defensa do Monte. A análise do funcionamento parte de traballo coas persoas comuneiras, do estudo da cartografía e documentación histórica e actual.

Modelos inspiradores de xestión multifuncional
Baroña é, en palabras do Laboratorio, “unha comunidade cun uso diversificado do monte”. Desde o gran incendio de 2006, Baroña apostou por un modelo de aproveitamento do monte que xera beneficios económicos, sociais e ambientais. A súa xestión inclúe o aproveitamento de madeira e de resina, de gando e pastoreo extensivo, de apicultura e de recolección micolóxica. “Na actualidade está apostando pola transformación de produtos cárnicos e pola creación dun bosque comestíel de froitos vermellos e arandos, e ademais disto, a comunidade organiza actividades de divulgación como rutas arqueolóxicas, obradoiros e cursos”, salienta o Laboratorio, engadindo que estas iniciativas veñen a fortalecer un modelo de xestión ben asentado que contribúe para o benestar da veciñanza.

Polo que se refire á Comunidade de Montes Veciñais da parroquia do Carballo, en Friol, destaca por combinar a xestión forestal coa gandaría extensiva de cabalos, cabras e porcos de razas autóctonas. Así mesmo, a comunidade tamén ten un couto micolóxico certificado polo CRAEGA e aposta pola apicultura, comercializando o seu propio mel. Por outra banda, pon unha extensión relevante de pastos comunais a disposición de explotacións de persoas comuneiras, contribuíndo ao mantemento da actividade gandeira na zona. A comunidade tamén organiza actividades e eventos para a veciñanza como a Rapa das Bestas do Carballo.

Pola súa banda, a CMVMC de Zobra está localizada na Serra do Candán, en Lalín, nun espazo protexido pola Rede Natura 2000. O manexo multifuncional deste monte veciñal desde a súa clasificación na década de 1990 favorece a riqueza ambiental e cultural da zona. O laboratorio salienta que “a enerxía eólica favorece a xeración de emprego na comunidade para a xestión dos seus recursos” e que “a comunidade tamén apoia a viabilidade de explotacións gandeiras e apícolas permitindo o aproveitamento de terreos comunais”, e que “estes usos conviven coa vertente turística trala rehabilitación das casas das minas para aloxamento de visitantes e a creación dunha ruta de sendeirismo homologada que pon en valor a historia do lugar con elementos singulares como as alvarizas”.



