O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e a concelleira de Cultura, Sonia Outón, participaron este mes de novembro, na Aula CeMIT de Matosinhos, nunha doazón cidadá de voces para enriquecer o Proxecto Nós de Intelixencia Artificial e lingua galega que impulsan a Secretaría Xeral de Lingua e máis a Universidade de Santiago. As doazóns complementáronse coas achegas individuais dun cento de vilagarciáns. O Proxecto Nós recalou previamente en Porto do Son, Ribeira e Muros.
Tratábase de contribuír á recollida dos distintos modos da fala na comunidade para “educar” á Intelixencia Artificial, de xeito que nun futuro próximo accións tan cotiás como utilizar un GPS ou un asistente virtual como Alexia, por exemplo, poda facerse en galego.
Como dixemos, ademais do alcalde e a concelleira, na experiencia participaron ao longo do día máis de medio cento de veciños e veciñas, a título individual ou representando a entidades do municipio como a Asociación Indanonvaidista, a AA VV de Sobradelo, a Mesa das Verbas ou o Coro Liceo. Cada un deles tivo que gravar un mínimo de cinco frases, aínda que podían facer cantos bloques desexaran.
O Proxecto Nós é unha iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia (a través da Secretaría Xeral de Lingua e AMTEGA) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ten como obxectivo fundamental que a lingua galega non fique excluída de ningún dos novos desenvolvementos dixitais. Para isto, estase a realizar un importante traballo que permitirá desenvolver diferentes tipos de ferramentas, totalmente compatibles coa lingua galega, como: sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática de tipo neuronal, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos, entre outros.
Grazas a ese traballo lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” a nosa lingua e que, polo tanto, todo galego ou galega, poida empregar con total normalidade a súa lingua en calquera ámbito tecnolóxico: cando lle damos unha orde ao GPS do noso coche, cando falamos cun asistente de voz (como Siri ou Alexa), cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática, cando queremos traducir un documento, cando lle ditemos a un procesador de texto, cando pedimos unha cita no médico ou queremos facer unha xestión no banco, por pór só algúns exemplos.
Para o secretario xeral de Lingua, Valentín García, “o Proxecto Nós é o proxecto máis ambicioso que se ten realizado ata o de agora de cara a que o galego poida ser empregado con total normalidade nos ámbitos dixitais. Trátase dun proxecto de país, cunha gran colaboración interinstitucional, transversal e no que estamos a conseguir que se implique o conxunto da sociedade galega: todo tipo de institucións, entidades sociais, empresas privadas así como galegos e galegas de todas as idades e de todos os puntos de Galicia que, altruistamente, doan a súa voz a través de doagalego.nos.gal para mellorar a calidade das ferramentas que este proxecto está a sacar adiante”.
Pola súa banda, o alcalde, Alberto Varela, celebrou que o Concello de Vilagarcía fóra un dos escollidos para participar neste proxecto e animou á cidadanía a seguir participando del, a través da web doagalego.nos.gal. As voces gravadas nunca serán usadas externamente fóra do ámbito do Proxecto Nós para o adestramento dos seus algoritmos. Os días pasados tamén contribuíron a estes procesos os veciños de Ribeira, Muros, Porto do Son e A Estrada, entre outros concellos da nosa terra.