Este martes 29 de outubro celebrouse na Aula CeMIT de Muros unha xornada de recollida de voces en galego para o Proxecto Nós de Intelixencia Artificial, impulsado pola USC e a Secretaría Xeral de Lingua para permitir que o galego teña presenza viva nas ferramentas intelixentes. Ferramentas como os asistentes virtuais de voz, na liña de Alexa e Siri, que poderán falar e entender galego grazas a sesións participativas e veciñais como a levada a cabo en Muros este martes.
A xeira de traballo contou coa colaboración do Concello de Muros para o seu desenvolvemento. Participaron a alcaldesa María Lago, quen doou a súa voz xunto a outros membros do grupo de Goberno como a concelleira de Lingua, Laura E. Rivadeneira, o concelleiro de servizos sociais, Mario Martínez, a concelleira da Muller, Maruxa Martínez ou o concelleiro de Deportes, Damián Torea.
Ademais, na xornada tomaron parte activa máis de medio cento de veciños e veciñas doando a súa voz. Así mesmo participaron diferentes colectivos sociais e culturais do municipio como: a Asociación de Mulleres Rurais “Os Hórreos”, a Asociación Cultural Ponte Vella, a Comisión de festas Carme de Louro, a Asociación Praia do Castelo, a Asociación Longarela, a Asociación Rumial, a Asociación Agrocovo, a Asociación Anajata. Tamén participaron alumnos e alumnas e profesorado do IES Plurilingüe Fontexería.
O Proxecto Nós
O Proxecto Nós é un proxecto impulsado pola Xunta de Galicia (a través da Secretaría Xeral de Lingua e AMTEGA) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ten como obxectivo fundamental que a lingua galega non fique excluída de ningún dos novos desenvolvementos dixitais. Para isto, estase a realizar un importante traballo que permitirá desenvolver diferentes tipos de ferramentas, totalmente compatíbeis coa lingua galega como por exemplo sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática de tipo neuronal, de extracción de información e minaría de textos, resumidores automáticos ou correctores lingüísticos automáticos, entre outros.
Grazas a ese traballo lograrase que todo tipo de máquinas e dispositivos electrónicos poidan “entender” e “falar” a nosa lingua e que, polo tanto, todo galego ou galega, poida empregar con total normalidade a súa lingua en calquera ámbito tecnolóxico: cando lle damos unha orde ao GPS do noso coche, cando falamos cun asistente de voz -como Siri ou Alexa-, cando se xeran subtítulos de contidos audiovisuais de forma automática, cando queremos traducir un documento, cando lle ditemos a un procesador de texto, cando pedimos unha cita no médico ou queremos facer unha xestión no banco, por pór só algúns exemplos.
Segundo explicou recentemente o secretario xeral de Lingua, Valentín García, “o Proxecto Nós é o proxecto máis ambicioso que se ten realizado ata o de agora de cara a que o galego poida ser empregado con total normalidade nos ámbitos dixitais. Trátase dun proxecto de país, cunha gran colaboración interinstitucional, transversal e no que estamos a conseguir que se implique o conxunto da sociedade galega: todo tipo de institucións, entidades sociais, empresas privadas así como galegos e galegas de todas as idades e de todos os puntos de Galicia que, de xeito altruísta, doan a súa voz a través de www.doagalego.nos.gal para mellorar a calidade das ferramentas que este proxecto está a sacar adiante”.
Para conseguir este obxectivo é preciso facerse previamente cunha grande cantidade de texto e audio de calidade en lingua galega que permita un axeitado adestramento dos algoritmos do sistema. No caso do audio necesítase ademais unha grande variedade de voces para o correcto adestramento dos algoritmos e tamén a gravación de todas as variedades dialectais que ten o galego para que os dispositivos electrónicos as recoñezan perfectamente, polo que fai falta recoller as voces de milleiros de galegos e galegas e de todas as zonas nas que se empregan variantes dialectais.
Para conseguir esas gravacións en lingua galega o Proxecto Nós está a empregar dúas vías fundamentalmente: unha a través de captación de voces en liña na web Doagalego e outra trasladándose fisicamente a diferentes concellos galegos para recoller a voz da veciñanza que desexe colaborar co proxecto a través dunha campaña impulsada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e que, nesta fase, percorrerá 16 Concellos (Xinzo de Lima, Ribeira, Fisterra, Chantada, Tomiño, Ribadeo, O Carballiño, Muros, Ponteareas, Carballo, Tui, Santa Comba, Vilagarcía e a Fonsagrada).
A captación de voces en Muros
Muros foi un destes 16 concellos seleccionados polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Secretaría Xeral da Lingua para a realización desta recollida in situ de voces entre a súa veciñanza.
Na xornada deste 29 de outubro, a alcaldesa de Muros, María Lago, despois de doar a súa voz declarou que “é un orgullo que se pensara no noso concello para desenvolver unha xornada deste tipo. Estou moi satisfeita da resposta que está a dar a veciñanza de Muros, con ducias de entidades de veciños, culturais, etc. que se apuntaron e con máis de medio cento de veciños e veciñas que, a titulo individual van colaborar de xeito desinteresado con esta iniciativa. Isto demostra, máis unha vez que, a de Muros é unha veciñanza solidaria e comprometida coa lingua galega, cousa que, como alcaldesa, éncheme de orgullo.”.
Así mesmo, a concelleira de Lingua, Laura E. Rivadeneira, afirmou que: “a resposta da xente superou as nosas expectativas. Isto é unha mostra da importancia que a veciñanza de Muros lle da a súa lingua e en avanzar para que non fique excluída de ningún ámbito, incluído o ámbito tecnolóxico,” e acrecentou que “foi un esforzo organizativo importante para o Concello de Muros, mais pagou a pena. Grazas a esta xornada contribuímos desde Muros a un gran proxecto de país que nos debera unir a todas e a todos e ao tempo conseguimos que a variedade dialectal que falamos en Muros e no conxunto da Costa da Morte estea ben recollido neste proxecto e que, polo tanto, no futuro a nosa veciñanza non vai ter que mudar a súa forma de falar habitual para se dirixir a ningunha máquina.”