O Arcebispado de Santiago, Cáritas Diocesana e o COAG transformarán casas reitorais e patrimonio eclesiástico en vivendas de emerxencia

14 Outubro 2026


O Arcebispado de Santiago de Compostela, Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) asinaron hoxe un convenio marco de colaboración para desenvolver un programa conxunto destinado a identificar, estudar, rehabilitar e poñer en uso inmóbeis de titularidade eclesiástica susceptíbeis de converterse en recursos residenciais para persoas e familias en situación de vulnerabilidade.

O acordo, subscribido polo arcebispo de Santiago, monsseñor Francisco José Prieto Fernández; a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas Abadía; e o decano do COAG, Luciano G. Alfaya, establece un marco fixo de cooperación para mobilizar patrimonio residencial da Igrexa e poñelo ao servizo de proxectos de vivenda de emerxencia, aloxamento temporal e inclusión social.

Segundo explicaron, “a iniciativa aspira a ofrecer respostas concretas a un dos principais desafíos sociais de Galicia, o acceso a unha vivenda digna”. Para iso, as tres entidades combinarán a función social do patrimonio eclesiástico, a experiencia de acompañamento de Cáritas e o coñecemento técnico dos profesionais da arquitectura.

O convenio, engadiron, “permitirá analizar o potencial das aproximadamente 800 casas reitorais existentes no territorio da Arquidiocese de Santiago, unha parte significativa das preto de 4.000 casas reitorais que existen en Galicia, co obxectivo de identificar aqueles inmóbeis que, polas súas características e localización, poidan ser rehabilitados e destinados a programas residenciais de carácter social”.

Durante o acto de sinatura, o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto, destacou que a iniciativa constitúe unha forma de poñer o patrimonio da Igrexa ao servizo das persoas que atravesan situacións de dificultade. “A Igrexa quere poñer os seus recursos ao servizo das persoas e familias que máis o necesitan. Este convenio permítenos dar unha nova vida a inmóbeis que forman parte do noso patrimonio para convertelos en espazos de acollida, esperanza e acompañamento. Trátase dunha forma concreta de responder a necesidades reais e de contribuír a que máis persoas poidan recuperar estabilidade e dignidade a través dun fogar”.

Pola súa banda, Pilar Farjas subliñou a importancia que ten a vivenda para calquera proceso de inclusión social: “O acceso a unha vivenda digna é un clave para calquera proceso de inclusión social. Grazas a esta alianza séntanse as bases para ampliar recursos e ofrecer novas oportunidades a persoas e familias con dificultades para acceder a unha vivenda. Contar con máis espazos de aloxamento significa reforzar a nosa capacidade de acompañamento e resposta ante situacións de vulnerabilidade”.

Do mesmo xeito, Luciano G. Alfaya puxo en valor a dimensión social da arquitectura como ferramenta de transformación. “Hai dúas cousas fundamentais, contribuír en todos os niveis que poidamos a un problema da vivenda en xeral, e este é un mecanismo máis no que o Colexio participa desde unha visión técnica, dunha visión do coñecemento e da experiencia. E, neste caso, a maiores, a posta en valor do patrimonio, a recuperación do territorio rural, creando uns nodos de activación de servizos e de recuperación de contornas degradadas; isto vai moito máis alá que a recuperación da vivenda, senón que xera tamén a permanencia de asentamentos da poboación noutras zonas rurais, que hoxe é crucial para dar solucións habitacionais”.

Entre as primeiras actuacións previstas figura a elaboración dun Plan Director de Vivenda Social en Patrimonio Eclesiástico da Arquidiocese de Santiago, que permitirá actualizar o inventario de casas reitorais realizado conxuntamente pola Xunta de Galicia e o COAG entre os anos 1991 e 1993. Os traballos contemplan a identificación e análise de construcións dispoñíbeis, o estudo do seu potencial uso residencial e a definición de prioridades de actuación, fases de execución e fontes de financiamento.

Así mesmo, desenvolverase un Programa de Inventariado, Diagnóstico Técnico e Mellora dos Recursos actualmente dispoñíbeis en Cáritas Diocesana de Santiago, mediante a elaboración de fichas técnicas dixitais e estudos especializados sobre o estado de conservación, habitabilidade, accesibilidade, eficiencia enerxética e viabilidade urbanística das construcións.

O convenio prevé tamén a creación dunha rede de arquitectos colaboradores vinculados ao COAG para o desenvolvemento de estudos previos, asesoramento técnico e proxectos de rehabilitación, así como a posta en marcha de mecanismos de apoio permanente para orientar sobre axudas públicas, subvencións, eficiencia enerxética e adecuación normativa.

Outros artigos

Volve co Samaín o Claustro do Terror no Concello de Noia

Tras o éxito do ano pasado, regresa o II Claustro do Terror, que volverá converterse nun dos grandes protagonistas do Samaín de Noia. Novamente as persoas participantes terán que resolver un crime no Consistorio, e a resolución virá acompañada dun ambiente axeitado...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.