Este xoves 28 de novembro pola tarde celebráronse en Ribeira os dous plenos, un extraordinario e outro ordinario, axendados para o pasado luns 25 de novembro e adiados por mor do pasamento dun familiar dun membro da Corporación Municipal.
Concesión da Medalla de Ouro do Concello de Ribeira á Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño
A convocatoria deste pleno extraordinario tiña un único punto na orde do día que era a “Concesión da Medalla de Ouro do Concello de Ribeira á Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño” coma recoñecemento ao labor desenvolvido nos seus cen anos de historia consolidándose coma referente económico, social e cultural do municipio. Coa presenza no acto do actual patrón maior da confraría, José Antonio Santamaría, aprobouse por unanimidade a concesión da Medalla de Ouro para a xa centenaria Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño.
Porén, o segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, subliñou: “Lamentamos que a proposta non fora posta en común en consenso por tódolos membros da Corporación”, tamén fixo referencia a instrumentalizar politicamente este tipo de actos para sacar rédito político; e salientou que “as futuras iniciativas institucionais sexan consensuadas para que o rédito político non afecte ao propio espírito solemne do propio acto”.
O primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, manifestouse na mesma liña a respecto do consenso e cualificou de “oportunismo” dita concesión. Recordou que “no anterior mandato falárase de facer e traer nomeamentos e distincións ao pleno unha vez consensuado con tódolos grupos” e engadiu: “Recórdolle que sempre houbo unha norma non escrita que tódolos nomeamentos e distincións se acordarían con tódolos grupos para evitar debates innecesarios, en palabras do anterior rexedor”.
Vicente Mariño tamén recordou un episodio do pasado que tiña que ver coa decisión do corte da concesión da ameixa e navalla polo libre marisqueo na ría de Arousa “un problema que segue igual e que ocasionou grandes repulsas e protestas por parte dos mariscadores de Aguiño xa que a confraría quedou sen un anaco da concesión inicial”. Mariño resaltou que dita concesión da medalla está embazada por aqueles sucesos que lembran os veciños de Aguiño pero “loxicamente o PBBI non oporá a dita concesión”.
A concelleira Cruz Rivadulla argumentou que a Confraría de Carreira e Aguiño, dende a súa fundación en 1924, axudou a vertebrar o territorio, desenvolveu un labor social e xerou un modo de vida grazas ao cal “hoxe somos o que somos”. Tampouco podemos esquecer que foi unha entidade que axudou a velar polas nosas costas e protexer un medio que dá de comer a centos de persoas no noso concello. Rivadulla apelou á falta de consenso e falou de oportunismo político, “algo nunca feito até este momento”.
O alcalde, Luís Pérez Barral, manifestou o seu desexo de non deslucir esta votación por respecto ao propio acto, pero para futuras condecoracións institucionais “haberá que consensualas por garantía institucional” e “e o noso compromiso é seguir apoiando o sector do mar”.
Aprobación de recoñecemento extraxudicial de crédito e aprobación inicial do suplemento de crédito
Aprobáronse os dous puntos con 11 votos a favor grazas aos votos de BNG, PBBI e PSdG e 10 abstencións do PP. O informe de Intervención repara a realización dos gastos por omisión de requisitos e trámites esenciais, en concreto a inexistencia de crédito suficiente e axeitado no momento de realizar o gasto. Para proceder ao pagamento o pleno levantou o reparo continuando coa tramitación do expediente e aprobando o recoñecemento 3/2024, cunha contía de 172.598,34 euros e recoñecer a obriga nas aplicacións correspondentes.
A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, argumentou que “dito suplemento de crédito inclúense os servizos prestados dende moi atrás sen crédito orzamentario, servizos que foron prestados no seu día, con facturas que veñen de atrás dende o 2019 sen certificar e facturar”. Por exemplo 23.466 euros, da actuación lavadoiro de Artes, a factura polo bombeo (bypass) no paseo marítimo Coroso polo colector de augas residuais, 4.919 euros polo valado de madeira no Parque da Rochela en Palmeira, traballos de drenaxe Palmeira, casetas do polideportivo da Fieiteira, facturas nas actuacións de festas de verán nas parroquias de Ribeira, 16.000 instalación baños públicos na Dorna… Pouso concluíu dicindo que “a xente que traballa ten que cobrar”.
Pola súa banda, o edil Suárez-Puerta informou que é unha ampliación de crédito consensuada e enumerou unha listaxe de gastos derivada dos festexos e comunicou que “co orzamento anterior non era viábel e tivo que pagarse en base ao remanente, e que non se entenda mal; que non se vai a pedir ningún préstamo”. Tamén informou que o Concello ten que facer fronte ás diferentes multas por ocupación de Portos por mor dos diferentes festexos por valor de 53.000 euros.
Ademais, foron aprobados por unanimidade os puntos “Modificación do contrato de xestión dos servizos públicos de abastecemento de auga para consumo e saneamento do Concello de ribeira” e “Reequilibro económico do contrato subscrito con Viaqua, SAU e da revisión de prezos para os anos 2021 a 2024”. O alcalde Luís Pérez Barral introduciu o debate afirmando que a proposta basicamente consistía na inclusión duns bombeos que se foron facendo ao longo de tempo e que non estaban recollidos nese contrato ao tempo que se procedeu á eliminación de puntos que xa non están en uso, “polo tanto adecuar a realidade do contrato á actual que temos hoxe en día no sistema”.
En segundo lugar figuraba o reequilibro do contrato con Viaqua; coa revisión extraordinaria derivada da modificación de este contrato e unha segunda cuestión en referencia á compra da auga do Ulla. Respecto deste punto, recordou que Ribeira abastécese basicamente do río Sieira, regatos de Palmeira e do río Ulla, este último cun custo superior ao do rio Sieira. “Por dilatacións da Xunta á hora de concedernos un maior volume de auga do río Sieira estamos tendo que pagar moito máis do que deberíamos deste contrato”, sinalou o rexedor, sumando ao devandito as revisións extraordinarias e unha ordinaria aplicábel do 2021 a 2024. “Estas revisións supoñen un saldo a favor de Viaqua de 473.000 euros”.
Pouso explicou polo miúdo a actualización do contrato, enumerou unha listaxe dos bombeos e traballos realizados, na que as contías máis importantes son as da EDAR de Bretal e do Touro.
Explicou que concesionaria recorreu para incluír novos bombeos que se irán incorporando cando estean operativos e engadiu: “Impórtanos a subida de prezos, buscamos o reequilibro de contas e gastos; nivelar o que se carga aos veciños e a retribución á concesionaria”.
Respecto da revisión do prezo do contrato mixto de subministros e de servizos para a prestación do servizo integral de iluminación pública exterior do Concello de Ribeira subscrito con Ferrovial Construcción, S.A. para os exercicios 2023 e 2024, o Goberno explicou que o vindeiro ano rematará o contrato co Concello (adxudicado á empresa Ferrovial dende o ano 2015) e que actualmente con esta revisión dos prezos do 2023 e 2024 “déixanos unha diferencia a favor da empresa duns 195.000 euros, a partir do ano próximo terase que mirar como se vai a xestionar este servizo de mantemento do alumeado público exterior sabendo que hai actualmente moitas necesidades que ao longo destes últimos anos non se estiveron tendo en conta como os reforzos de iluminación que a veciñanza coñece e que veñen de atrás e que se constata nas zonas existentes no concello que están actualmente en penumbra”.
No que atinxe á liquidación do contrato de concesión e obra pública para a construción, xestión do aparcamento da praza do Centenario e aprobación inicial do crédito extraordinario (2/2024) e operación de crédito (CE 2/2024) e liquidación do aparcadoiro do Centenario, aprobouse por 11 votos a favor e 10 en contra do PP nos tres puntos despois do debate que incluían os puntos sete oito e nove sobre traxectoria e o actual contexto de remunicipalización do aparcadoiro do Centenario; a liña do tempo chegou ao seguinte punto de liquidación para determinar o importe resultante da liquidación do contrato de concesión e obra pública para a construción e xestión do aparcamento da praza do Centenario.
O informe emitido polos servizos de Tesourería, Intervención, Contratación e Secretaría do Concello de Ribeira, en data 14/11/2024 propón estimar parcialmente as alegacións presentadas por Lorenzo Hernando Juan Manuel, en representación de Promociones Inmobiliarias del Pisuerga S. A. referidas á normativa aplicábel e á base de cálculo nos termos recollidos no informe emitido polos servizos de Tesourería, Intervención, Contratación e Secretaría do Concello de Ribeira.
Acordouse desestimar as alegacións restantes presentadas e rexeitar a apertura do período probatorio de acordo cos fundamentos xurídicos do informe emitido polos servizos de Tesourería, Intervención, Contratación e Secretaría do Concello de Ribeira.
De acordo aos importes calculados no informe emitido polos servizos de Tesourería, Intervención, Contratación e Secretaría do Concello de Ribeira con data de 14/11/2024, o importe da RPA sería de 1.614.065,02 euros polo que a Corporación terá que votar pola aprobación inicial do crédito extraordinario 3/2024 e pola operación de crédito para a liquidación do aparcadoiro do Centenario. A esta cifra haberá que engadir o importe dos xuros de demora, tomándose como data aproximada de abono o 30/12/2024, resultando un importe de 198.996,37 euros.
Rivadulla salientou que a xestión “foi un erro”, despois de repasar a cronoloxía de dita privatización até a posterior remunicipalización de agora. “Dende o Goberno local faremos os esforzos necesarios para levar a bo porto esta remunicipalización” sinalou Cruz.
Luís Pérez puxo en valor o informe de intervención, e que está amparado polo Tribunal Supremo, no que se indica que “este aparcadoiro que é dos máis baratos do país”.
Herminia Pouso apostou pola remunicipalización con prezos asumíbeis: “Eu creo que isto nos ten que dar forza para mellorar esta infraestrutura”.
Suárez-Puerta sinalou que estamos ante “un exemplo do que non debe facer pola vontade de privatizar”.
Entre outros acordos, foi aprobada por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal xeral do Concello de Ribeira, que permitirá a veciñanza a facilitar o fraccionamento de débedas salvo incumprimentos; poderanse examinar os casos de forma personalizada dos pagos dependendo da capacidade da veciñanza.
Houbo unanimidade na proposición do PP presentada acerca do derrube da casa ocupada sita en Romero Ortiz e de impulsar agora o acondicionamento do soar, continuando co proxecto de mellora da contorna do anterior goberno.
Finalmente a proposición do PP presentada por Ana Isabel Barreiro sobre a campaña dos bonos AmaRibeira, acompañada cunha emenda do BNG, foi o detonante para que todo o grupo municipal do PP abandonara o salón de plenos e dar por finalizado este pleno ordinario.
Pouso argumentou que “non se puideron facer os bonos nas datas anteriores porque as contas están tensionadas” e “hai que establecer prioridades pero contemplaranse no vindeiro ano para datas de pouca actividade”.