O alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, asinaron na mañá deste 24 de outubro cadanseu convenio de colaboración (un total de catro) co Club de Voleibol, Costado Taekwondo, Club de Baloncesto Santa Baia e Club de Remo Cabo de Cruz.
Por parte do Club de Voleibol formalizou o acordo o seu presidente, Emilio Palacio Álvarez, que recibe unha subvención para o apoio nos gastos xerais das categorías base así como o primeiro equipo, que xoga en Superliga 2.

No caso do Costado Taekwondo Boiro recibe a subvención para os gastos xerais de arbitraxes, material deportivo, desprazamentos, aloxamento e outros gastos de xestión; así como para o financiamento da participación en competicións de parataekwondo e participación en eventos e campus Soño Olímpico. Asinou o convenio o seu presidente, Vítor Costado Lima.

Pola súa banda, o convenio do Club de Baloncesto Santa Baia, que asinou o seu presidente, Francisco García Alonso, está destinado a financiar as probas deportivas de campionato liga nacional indoor basket 3×3 e o campionato de minibasket.

Tamén asinaron o convenio esta mañá o Club de Remo Cabo de Cruz, que recibe por parte do Concello de Boiro unha subvención para os gastos de desprazamentos derivados da participación do club nas ligas Euskotren e ACT; así como para a organización da Liga Galega de Traíñas e a bandeira da Liga ACT que se celebran en Boiro.

Preto de 30 clubs e entidades deportivas obteñen unha subvención nominativa que ten como obxecto sufragar os gastos xerais dos propios clubs no que o Concello de Boiro destina un importe que ascende aos 466.750 euros euros do orzamento municipal.



