O proxecto Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático (CAPRIF-CC) convoca para o vindeiro martes día 17 de setembro, de 17.000 a 20.00 horas no Centro Social do Araño (Rianxo), unha xornada formativa sobre a valorización dos recursos dos montes, que prestará atención ás certificacións forestais, a xestión da auga e as solucións baseadas na natureza en montes periurbanos (Plan Monte_Urban).
Co fin de contextualizar esta xornada, dende CAPRIF-CC lembran que estas temáticas foron identificadas como “prioritarias” polos asistentes ao primeiro obradoiro participativo Living Lab celebrado o pasado 13 de xuño en Rianxo para avanzar cara un modelo de xestión multifuncional do monte.
A esta nova xornada do proxecto CAPRIF-CC están convidadas todas as persoas, colectivos e entidades que forman parte da cadea de valor do monte. Para inscribirse, só terán que enviar un correo electrónico cos seus datos ao enderezo electrónico
corunatec@fceer.org.
A xornada, que será presentada por representantes da Fundación Juana de Vega e da
Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER) como entidades participantes no proxecto CAPRIF-CC, incluirá a participación de tres expertos nas citadas áreas: o enxeñeiro forestal e consultor en bioeconomía Marcos Estévez abrirá a sesión co relatorio Certificacións forestais e servizos dos ecosistemas, o consultor en Enxeñería Forestal e Tecnoloxía da Madeira Óscar Santaclara abordará a Xestión da
auga nos montes baixo a perspectiva do cambio climático”, e o enxeñeiro técnico agrícola e presidente da Asociación A Monte, Francisco Pedras Saavedra, centrarase no Plan Monte_Urban. Solucións baseadas na natureza.
Esta xornada formativa enmárcase no proxecto CAPRIF-CC, que pretende promover un novo modelo de xestión forestal multifuncional e sostíbel, e desenvolverase ata decembro de 2025 en cinco zonas de Galicia e Asturias, sendo unha delas o Living Lab Barbanza-Ulla-Sar, no que está incluído o termo municipal de Rianxo.
O proxecto CAPRIF-CC está impulsado pola Fundación Juana de Vega, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER), a Fundación Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (CETEMAS), a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Fundación Montescola, e conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea cos fondos Next GenerationEu.