Foi rescatado por persoas particulares empregando unha táboa de surf. Unha vez fóra da auga, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu falecemento malia os esforzos por reanimalo.
Contra as 18:20 horas, varios alertadores contactaron co 112 Galicia para informar de que había un home con dificultades para saír do mar e que parecía que estaba sendo arrastrado pola corrente.
De inmediato, desde o CIAE-112 Galicia solicitouse a acción de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, Salvamento Marítimo, dos axentes da Garda Civil e da Policía Local de Carnota e do GES de Muros. Tamén se informou ao Servizo de Gardacostas de Galicia e aos voluntarios de Protección Civil do municipio.
A continuación, Salvamento Marítimo indicou que mobilizaba ao seu persoal a bordo dun helicóptero de rescate Helimer, que finalmente non chegou a intervir, mentres que os servizos sanitarios desprazarían o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que tomou terra na praia, así coma unha ambulancia.
Ao mesmo tempo, varios particulares que se atopaban no lugar metéronse na auga cunha táboa de surf para tratar de axudar ao home, conseguindo sacalo fóra pouco despois. Tal e como relataban os alertadores nas súas chamadas, o implicado permanecía inconsciente.
Malia os esforzos por reanimalo, finalmente o persoal sanitario só puido confirmar o falecemento do home.
