Os feitos aconteceron nunha fábrica situada na parroquia de Iria Flavia, e o persoal sanitario que se desprazou ata o punto só puido confirmar o falecemento da persoa.
Faltaban escasos minutos para as 17:45 cando os xestores do 112 Galicia recibiron a chamada de Urxencias Sanitarias de Galicia-061: un traballador acababa de ser atropelado cunha pá mecánica. Desde o primeiro momento indicaron que a situación semellaba de gravidade.
Deste xeito, activáronse os protocolos para a mobilización dos recursos necesarios neste caso, como son os propios servizos sanitarios, os axentes da Garda Civil e os efectivos do GES de Padrón. Ao mesmo tempo, informouse á Policía Local e ao Servizo Municipal e á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio.
Un dos alertadores, unha persoa particular que se atopaba no punto, explicou pouco despois que conseguiran liberar o implicado. Cando chegaron a bordo dunha ambulancia, os servizos sanitarios só puideron confirmar o seu pasamento.




