O Concello de Porto do Son, a través do seu alcalde Luis Oujo, confirmou este mes de agosto que dende o Goberno local estase a valorar unha proposta alternativa ao edificio non rematado do Outeiro como posíbel sede do novo centro de saúde, tras os inconvenientes técnicos que presentaba a posta en valor da dita estrutura (un vestixio da burbulla inmobiliaria que afea a vila do Son na súa zona alta) para acoller o ambulatorio. Con este fin e a xeito de “plan B”, o Concello xa puxo a disposición da Consellería de Sanidade unha parcela duns 5.000 metros cadrados emprazada entre a Casa do Concello e a Casa da Cultura. Esta superficie, segundo confirmou o rexedor, contaría co visto e prace dos técnicos e garantiría as esixencias precisas para albergar o centro de saúde. Non se desbota, ao mesmo tempo, mercar a dita estrutura inacabada do Outeiro para habilitar nela a residencia de maiores.
O rexedor tamén confirmou que xa ante a inevitábel tramitación destes procesos e a posíbel demora, o Concello proseguirá coa posta a punto do actual centro de saúde. Neste intre estase a traballar en materia de mantemento para mellorar o illamento e rematar coas filtracións de auga (nas xanelas) e coas pingueiras durante a tempada invernal de chuvias e garantir a máxima sustentabilidade enerxética posíbel.




