Galicia, lista para arrincar este mércores o Mundial xuvenil de 49er, 49er FX e Nacra 1

16 Xullo 2024


A horas para que empece a acción en augas da ría de Arousa. 107 tripulacións de 25 nacionalidades xa se preparan para escoitar este mércores o primeiro bocinazo de saída do Mundial xuvenil de 49er, FX e Nacra 17, proba que organiza a Real Federación Galega de Vela (RFGV) co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello de Vilagarcía de Arousa.

“Hai xa uns días que que chegou practicamente toda a frota para prepararse con moitas ganas para o pistoletazo de saída de mañá. Pálpase no ambiente que todos teñen ganas de dar o mellor de si para tratar de obter un gran resultado, e a verdade é que é un luxo ter un evento deste calibre no Centro Galego de Vela”, afirma Bruno Gago, director técnico da RFGV.

O certo é que moitas das tripulacións levan varias semanas asentadas na localidade arousá probando o campo de regatas e realizando a última posta a punto para encarar un Mundial que apunta a estar en grao sumo disputado.

Na clase 49er non faltarán, entre outros, os actuais subcampións do mundo xuvenís, os malteses Richard Schultheis e Youenn Bertin; a tripulación sueca formada por Marius Westerlind e Edvard Bremer, que selou o bronce na cita intercontinental da pasada tempada; e o equipo formado polo arousán Jacobo García e o actual campión de Europa xuvenil da clase, o vigués Jaime Wizner.

Pola súa banda, en 49er FX todas as miradas están postas nas defensoras do título, as francesas Manon Peyre e Clara-Sofia Stamminger. Fronte a elas, equipos como o formado polas italianas Sofia Giunchiglia e Giulia Schio, que foron terceiras no último Mundial xuvenil, ou as polacas Gabriela Czapska e Hanna Rajchert, que terminaron cuartas a só cinco puntos do podio, prometen non poñerllo/poñérlleo nada fácil. O equipo formado pola viguesa Stella Enríquez e a balear Marta Cardona será, sen dúbida, outra das tripulacións para ter en conta.

Entre os equipos en liza en Nacra 17, os británicos Theo e Jasmine Williams contan coa experiencia de ser sextos no último Campionato do Mundo xuvenil e Francia, cunha potente frota de cinco tripulacións, tamén apunta a estar a pelexar polo título intercontinental. Pola súa banda, os españois Daniel e Nora García, campións do mundo xuvenís de Nacra 15 en 2023 e de Europa en 2024, prometen pelexar ata o final por estar entre os postos de cabeza.

Hoxe martes, inauguración oficial. Mañá, primeiras probas na ría de Arousa
Tras a proba de adestramento disputada este martes, a Real Federación Galega de Vela e Vilagarcía de Arousa deron o pistoletazo de saída á cita intercontinental coa cerimonia de inauguración ás 18.00 horas.

Guiados pola banda de gaiteiros Vos Xirifeiros, os máis de 200 regatistas de 25 países desfilaron desde o Centro Galego de Vela ata a Praza de Galicia, onde foron recibidos por Manuel Villaverde, presidente da RFGV; Luisa Sánchez, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra; Tania García, tenente de alcalde de Vilagarcía; Agustín Reguera, delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra; Carlos Coira, concelleiro de Deportes; Juan Andrés Pérez, Capitán Marítimo de Vilagarcía; Pedro Piñeiro, vicepresidente da RFGV; Ben Remoque, xestor internacional da clase; e dous dos regatistas galegos referentes da clase 49er e FX: os vigueses Martín Wizner e Patricia Suárez.

A medallista olímpica Támara Echegoyen, que se atopa actualmente na recta final da súa preparación para os que serán os seus cuartos Xogos Olímpicos, tamén estivo presente no acto a través da pantalla para enviar unha mensaxe de forza e ánimo a todos os participantes.

Mañá mércores, a frota botarase por fin á auga para disputar as primeiras probas a partir das 12.00 horas, que poderán verse desde o peirao de Vilaxoán e o dique de Ferrazo de Vilagarcía de Arousa.

Farano divididos en dúas áreas de regata situadas en plena ría de Arousa e cun programa de competición que contempla un máximo de tres probas por día ata o domingo, cando se coroará aos novos campións e campioas do mundo xuvenís de 49er, 49er FX e Nacra 17.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...