O grupo de investigación BioCost, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, en colaboración con membros do grupo BioAplic, da Universidade de Santiago de Compostela; detectaron recentemente a presenza en Galicia da alga asiática invasora Rugulopteryx okamurae.
A UDC explica que esta especie invasora adquiriu bastante notoriedade en España nos últimos anos, debido aos importantes danos que está a provocar no sur peninsular: “Por unha banda, un impacto ecolóxico sobre as comunidades biolóxicas dos fondos mariños, cunha perda da diversidade; e por outra, un impacto económico sobre a pesca, posto que esta alga acumúlase en grandes cantidades e impide o uso dalgunhas artes de pesca nas zonas onde está presente, e sobre as autoridades locais, porque chega ás praias e é necesario retirala para que os areais poidan ser utilizables por bañistas”.
Polo de agora, confirmouse a súa presenza en Galicia nas rías da Coruña e Vigo, cidades que contan con importantes portos, e concordando coa hipótese de que o tráfico marítimo está a axudar a que esta alga invasora se propague ao longo do litoral peninsular.
Os investigadores fan saber que “que o futuro desta nova invasión en Galicia é incerto” e que “as condicións das nosas costas son diferentes ás do Estreito”. Con todo, a poboación detectada na Coruña mostra “un comportamento claramente invasor, polo que non se pode descartar que poida acabar causando problemas similares aos da zona do Estreito nun futuro”, sinalan.
E engaden: “O caso de Rugulopteryx okamurae pon de manifesto, unha vez máis, o risco que supón a continua chegada de especies nativas doutras zonas do mundo; a experiencia demostra que, unha vez arraigada, eliminar unha invasión biolóxica é moi custoso e, a miúdo, imposíbel”.




