A Real Federación Galega de Vela pecha de maneira brillante o Campionato do Mundo xuvenil de Vela en Vilagarcía

21 Xullo 2024

O Centro Galego de Vela, tutelado pola Xunta de Galicia, baixo a custodia da Real Federación Galega e situado en Vilagarcía de Arousa, organizou durante estas últimas cinco xornadas, o 2024 Junior World Championship, campionato intercontinental para as clases olímpicas xuvenís do 49er, 49er FX e Nacra 17.

Á convocatoria galega anotáronse para vir ata Galicia 25 países que representaron a catro dos cinco continentes: América, Europa, Asia e Oceanía, convertendo as augas arousás nun auténtico “babel” de intercambio social, deportivo e cultural, con preto de 300 regatistas que estiveron convivindo nas instalacións galegas durante todos estes días.

20240721 Podio de 49er foto Jacobo Bastos

Éxito no programa da competición, con todas as probas completadas, un total de 15 que ratifican a boa actuación de Xuíces e Xurados, apoiados por unha compoñente meteorolóxica que sempre deixou vento na Ría de Arousa.

Os primeiros en colgarse a medalla de ouro foron os favoritos en 49er neste mundial desde as últimas xornadas, os malteses Richard Schultheis e Youenn Bertin, con 73 puntos, que souberon aguantar moi ben a presión, a pesar de que os neozelandeses Francesco Kayrouz e Hamish McLaren, puxeron o acelerador nesta última xornada, aparecendo na candidatura con 85 puntos ao cetro dourado, por encima dos seus compañeiros de selección Sebastian Menzies e George Lee, que levaban máis protagonismo subindo e baixando do podio ao longo destes días e que, finalmente foron cuartos con 104 puntos.

O bronce adxudicáronllo os alemáns Simon Heindl e Conrad Jacobs, con 90 puntos. Os xermanos lograran levantarse ao terceiro banzo do podio, posto que conservaron ata o final e pechando a súa participación no mundial co último primeiro das 15 mangas.

Tras a categoría masculina do 49er tocoulle a quenda de medallas ás representantes femininas do FX, onde as italianas Sofía Giunchiglia e Giulia Schio asinaron unha gran última xornada, con parciais de 3-2-1 pechando a súa participación con este último triunfo co que coroaban o mundial con 51 puntos. A prata foi para as alemás Katharina Schwachhofer e Elena Stoltze, con 68 puntos. E o bronce para as polacas Gabriela Czapska e Hanna Rajchert que con 88 puntos facían a súa aparición, por primeira vez, no podio, adxudicándose o terceiro banzo que posuían as británicas Eleanor Keers e Jessica Jobson, finalmente sextas.

Excelente mundial para a galega Stella Maris Enriquez e a balear Marta Cardona, que mantiveron a oitava praza de onte. Viguesa e mallorquina comezaron mandando na xeneral o primeiro día do campionato no que se adxudicaron un primeiro e dous segundos, sendo o seu mellor posto nesta última xornada un sétimo.

Podio de 49er FX. © RFGVela

Os Nacra 17 eran os últimos en abandonar o campo de regatas. A clase mixta daba boa mostra do gran nivel e do axustado dos seus resultados na táboa sen ter moi claro, ata o último momento, quen se ía a colgar o ouro que, finalmente, foi os belgas Kwinten e Lieselotte Borghijs, que finalizaron con 49 puntos. Segundos, os seus coetáneos, Arthur de Jonghe e Janne Ravelingien, con 57 puntos, os mesmos que o bronce que se foi para Francia, cos seus embaixadores Thomas Prouts e Eloise Clabón.

Mellores países foron en Nacra 17, Bélxica; en FX Alemaña; e en 49er, Nova Zelandia.

Como mellores Sub21 en Nacra 17, os irmáns Borghijs, de Bélxica. En FX Anna Barth e Emma Kohlhoff, de Alemaña. E en 49er, Simon Heindl e Conrad Jacobs, de Alemaña.

A entrega de premios celebrouse ás cinco da tarde coa asistencia do alcalde da localidade, Alberto Varela; o Secretario para ou Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete; o Deputado Provincial, Javier Tourís; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o concelleiro de deportes de Vilagarcía, Carlos Coira; o Capitán Marítimo de Vilagarcía, Juan Andrés Pérez; e o Vicepresidente da Real Federación, Pedro Piñeiro.

“Participar neste campionato do mundo en Villagarcía supuxo un reto para min, xa que botei moito de menos ao meu irmán Martín co que adoito navegar de maneira habitual”, comenta Jaime Wizner que navegou na Clase 49er. “Serviume para saber en que teño mellorar para poder ser un mellor regatista”, afirmaba o novo regatista vigués.

“Quería darlle as grazas á Real Federación Galega de Vela por apostar por nós e facer en casa este mundial, con todo o esforzo e traballo que supuxo organizalo”, comentaba Stella Maris Enríquez. “Démolo todo na auga e volvemos cun gran resultado do que estamos moi orgullosas despois de todo o traballo realizado esta tempada”, terminaba dicindo a patroa viguesa.

O Mundial xuvenil de 49er, 49er FX e Nacra 17 está organizado pola Real Federación Galega de Vela co patrocinio da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e o Concello de Vilagarcía, contando tamén co apoio da Autoridade Portuaria e outras marcas colaboradoras no evento.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...