
A Asociación Mulleres Salgadas, entidade da ría de Arousa que reivindica e visualiza o traballo das mulleres do mar, emitiu un comunicado no que manifesta a súa preocupación “pola situación de desprotección en que se atopan moitas persoas con permisos de marisqueo a pé en Galicia”. Segundo indican, “moitas confrarías das rías galegas están sen actividade marisqueira debido a cesamentos por causa de forza maior desde xaneiro deste ano, solicitadas pola alta mortaldade de moluscos nas praias; e algunhas delas van alongar eses cesamentos ata o outono para permitir a recuperación dos bancos marisqueiros”. Para a asociación arousá, o devandito significa “que as mariscadoras e os mariscadores non poden recoller moluscos, a súa forma de ingresos habitual”.
Lembran que nestes casos, o Instituto Social da Mariña (ISM) establece un sistema de protección para os afiliados ao Réxime do Mar que comprende o abono dunha prestación económica mensual e a cotización á Seguridade Social en nome do traballador, “e así está a ser na maioría dos casos”. Porén, explican que “a nosa preocupación céntrase naquelas compañeiras aos que lles foi denegado o cesamento e, por tanto, non reciben ningunha prestación económica e, ademais, deben seguir pagando a súa cota da Seguridade Social”.
Atopámonos, din, con varios supostos nos que a desprotección é especialmente grave:
• Mariscadoras e mariscadores que acaban de obter o seu permiso de explotación de marisqueo a pé (permex) e aínda non xeraron o dereito ao cesamento.
• Mariscadoras e mariscadores que teñen un segundo traballo á parte do marisqueo e no que obteñen uns ingresos moi reducidos (falamos de menos de 500€ ao mes e coñecemos casos de 200€ ao mes)
• Mariscadoras e mariscadores que xa esgotaron a prestación por cesamento por sucesivos paros provocados pola baixa produtividade das rías.
Neste senso, Mulleres Salgadas “fai un chamamento ás administracións públicas, en especial á Consellería do Mar da Xunta de Galicia ante a precariedade na que se atopan esas persoas e que non deben ser esquecidas polo actual sistema de protección”.
E rematan: “O marisqueo é unha profesión regrada, non un complemento ás economías familiares e así debe considerarse á hora de articular as axudas a este sector. Cremos que a feminización do sector é un elemento determinante na falta de medidas adoptadas para este colectivo. Queremos lembrar que o marisqueo a pé tamén pode beneficiarse dos fondos comunitarios (FEMPA), pero as únicas axudas publicadas ata a data están dirixidas exclusivamente ao marisqueo á boia”.



