Usuarios e usuarias da Asociación Saúde Mental A Creba visitaron as instalacións do Centro Integral de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, o edificio que está sito nas instalacións da Academia Galega da Seguridade no concello da Estrada. Durante o seu percorrido coñeceron como actuar ante unha emerxencia, como poder dar a información dunha alerta de forma precisa e axeitada, e ademais de realizar in situ unha chamada simulada, para así poder observar en primeira persoa como é o protocolo

Posteriormente visitaron o hangar do GALI, o grupo que dá apoio e loxística en grandes emerxencias, alí comprobaron que están dotados de material innovador e de última xeración para poder atender aquelas demandas e peticións que lle sexan requiridas.

Os drons, o vehículo anfibio ou os postos de mando avanzado foron algúns dos equipamentos que espertaron a curiosidade do grupo visitante.
Dende a entidade A Creba, que traballa dende O Barbanza coas persoas con enfermidades mentais, queren destacar a importancia deste tipo de actividades, que “contribúen á participación na comunidade e inclusión da cidadanía con doenzas mentais, normalizando as súas vidas e apostando polo coñecemento e aprendizaxe como cidadáns, neste caso coñecendo o sector das emerxencias de Galicia”.




