A pasada semana celebrouse en Ribreira a primeira reunión do Consello Escolar Municipal, integrado por representantes de tódolos centros educativos do municipio, profesorado, alumnado, sindicatos e representantes públicos. A xuntanza desenvolveuse na Casa da Xuventude e, segundo destacou o Concello, houbo unha grande participación da comunidade educativa local, e tamén unha importante implicación á hora de encarar os principais desafíos docentes do ámbito municipal. Por exemplo a necesidade de establecer medidas de calmado de tráfico e seguranza viaria nas contornas escolares, a necesidade de mellorar o illamento e a renovación de fiestras en varios colexios e institutos ou a xestión dos comedores escolares e o servizo de monitorado que lle ocasionan uns gastos importantes ás asociacións de nais e pais (ANPAs).

A comunidade escolar tratou tamén temas clave como a necesidade de que desde a Xunta adopte medidas que garantan un bo funcionamento do transporte escolar ou que dote aos centros educativos do profesorado suficiente, sobre todo o que atende a rapazada.
O alcalde Luís Pérez Barral explicou que as suxestións compartidas no Consello Escolar Municipal “servirán como guía para o desenvolvemento das tarefas de mantemento que debe asumir o Concello” e ofreceu “a colaboración do Goberno para demandar á Consellaría de Educación os investimentos para que a comunidade escolar de Ribeira conte cos recursos materiais e co profesorado necesario”.
O alcalde, o segundo tenente de alcalde e as concelleiras de Educación e Facenda reiteraron o seu compromiso de continuar fomentando un diálogo aberto e construtivo entre todas as partes implicadas no ámbito educativo.




