
Este xoves 18 de abril a sede da patronal boirense (ABE) acolleu a nova edición dun dos eventos mais agardados na programación anual da asociación, o evento de experiencias innovadoras con empresas creativas Fálame Sempre, que nesta ocasión celebrou o seu 10º aniversario e que contou, novamente, coa colaboración do Concello de Boiro. Nun salón de actos cheo ata a bandeira os 5 relatores contaban con pouco mais de 6 minutos para relatar a súas experiencias xa que para as presentación usouse o formato Pecha Kucha de 20 imaxes que se proxectan cada 20 segundos.
Logo da proxección dun vídeo especial conmemorativo dos 10 anos do evento especialmente editado para a ocasión tomou a palabra o presidente da ABE, Daniel García, que se amosou exultante xa que ”é un pracer celebrar o 10º aniversario deste evento nun salón de actos cheo de caras coñecidas”, a intervención comezou facendo un recordatorio das 10 edicións do evento: “Foi no inverno de 2012 cando, case por casualidade e sen saber o potencial que tería no futuro, a ABE organizou o primeiro Pecha Kucha Boiro. Fíxose no salón de actos, que daquela non estaba amoblado, e naceu como o fan moitas cousas bonitas, con ilusión e poucos medios. Agora que celebramos o 10º aniversario podemos dicir con orgullo que a aposta pola idea de que a conxunción de cultura e empresa pode favorecer a creación de iniciativas sostíbeis e rendíbeis foi acertada e para iso só temos que repasar o listado de convidados ao longo destes anos. Para todos eles o noso máis sincero agradecemento ao igual que ao Concello de Boiro por apoiar sempre a iniciativa e a todos vós que cada ano nos acompañades nunha das citas ineludibles da comunidade cultural e empresarial Boirense”, sinalou.
Finalizada a introdución, Daniel deu paso aos primeiros convidados os compoñentes da banda local de rock Triángulo de Amor Bizarro. Isa, Rodrigo e Rafa explicaron a traxectoria do grupo con base en Barbanza que explicaron “que tras 20 anos de carreira e a pesar de tocar en salas e festivais de moitos países a decisión de ter a base en Barbanza foi un acerto xa que o entorno cultural boirense tan activo favorece á creatividade do grupo e nos aporta sinerxías positivas”.

Neste punto, Alberto García, técnico de cultura do Concello de Boiro, asumiu a presentación do acto dando paso á cooperativa Charlatana que como explicou, Eva Triñanes, unha das socias “é un novo espazo galego de creación, produción e distribución propia que integra diversas disciplinas artísticas: circo, música, teatro infantil e contos”. E engadiu: “Charlatana nace para crear un espazo de cooperación no que conflúan diversas propostas artísticas onde o obxectivo común é divertir e educar, e facéndoo a través do humor, o espírito crítico, e o debate en escena”. Charlatana, dixo, “crea espectáculos que integran valores como a igualdade, a cooperación, a reciclaxe e a cultura e lingua galegas”.
Tamén estivo presente un dos promotores do festival Revenidas, Alfonso Vilanova, que dixo respecto do evento que “este naceu a partir dunha festa popular que se celebraba na vila mariñeira de Vilaxoán, na que os veciños compartían e degustaban un dos froitos máis cobizados do seu traballo: as sardiñas asadas, que neste lugar chámanse, precisamente, revenidas. De aí toma o nome o festival”.

Vilanova deu paso a unha iniciativa da comarca, Quinteiro Doce, que como explicou Luís Tembra, CEO da empresa “tras mais de 40 anos de traxectoria hai 10 que decidimos crear a marca quinteiro doce apoiada na cultura do país e distribuímos produtos artesáns a través do comercio local galego”.
Para finalizar foi a quenda do escritor afincando en Boiro Antón Riveiro, un dos autores de máis prestixio da narrativa galega actual e con obras traducidas a varias linguas e que explicou “as complexidades da vida do escritor” reivindicou a súa figura de autónomo e relatou “as dificultades coas que se atopa a profesión do artista á hora de poder ser profesional da mesma sendo moi complicado vivir desa actividade en exclusiva”.
O acto pechouse coa intervención do alcalde de Boiro, José Ramón Romero, que quixo destacar “a puxanza do sector económico e cultural da comarca e o enorme potencial que aínda ten por desenvolver”. Ademais quixo poñer en valor “o traballo da ABE a prol do tecido empresarial local e dar os parabéns pola organización do evento durante estes 10 anos”.
Unha vez rematado o evento público, organización e relatores puideron desfrutar duns pinchos nun ambiente distentido.
Como recordo o público levou de agasallo un vaso e unha camiseta conmemorativa do evento na que lucían os nomes das mais de 50 empresas que participaron no evento ao longo das 10 edicións.