Amicos mostra a realidade do autismo a través dunha mostra itinerante (que chegou ao Son) e da enriquecedora historia do neno Ángel

08 Abril 2024

A asociación inclusiva Amicos continúa coa súa campaña informativa sobre o Trastorno do Espectro Autista (TEA) no mes desta afección. Este ano, a entidade lanzou unha exposición itinerante para dar a coñecer o autismo entre a veciñanza da comarca, formada por tres monólitos informativos que irán percorrendo os distintos concellos da contorna do Barbanza ata mediados de maio. Trala súa inauguración o 2 de abril en Ribeira, este luns 8 a mostra chegou a Porto do Son, onde permanecerá ata o domingo 14 de abril. Con motivo desta conmemoración, Amicos deu a coñecer a historia de Ángel Romay, que asiste ao CEEPR de Amicos en modalidade combinada co CPR Bayón.

A xornada de benvida comezou cun xogo temático no que participaron o alumnado do CEEPR de Amicos e o CEIP Santa Irene da Pobra, que consistiu nun pasapalabra sobre o autismo. Trala actividade, os peques do centro de Amicos en Oleiros (Ribeira) leron un manifesto no que fixeron fincapé na necesidade dunha educación inclusiva na que se conte con apoio adaptado segundo as necesitades do alumnado.

A continuación, foi a quenda de presentar a exhibición, que conten información de interese para achegarse á realidade das persoas con TEA. O obxectivo desta acción é “sensibilizar e concienciar á comunidade sobre a importancia de coñecer a realidade destas persoas que están preto de nós, e que non sempre son percibidas a primeira vista”.

Ao acto de chegada tamén asistiron os concelleiros sonenses de Benestar Social e Igualdade e Deportes e Xuventude, José Luís Lijó e Carlos Lorenzo.

Ángel, o exemplo dun entorno de apoio

No evento deste luns 8 en Porto do Son, Amicos sinalou que “o mellor para coñecer o autismo é achegarse a escoitar a historia dalgunha das 27.000 persoas que se calcula que teñen TEA en Galicia”. Este, sinalou a asociación, é o caso de Ángel Romay, un pequeno de seis anos que acude ao CEEPR Amicos en modalidade combinada co CPR Bayón de Ribeira. A súa historia foi compartida da man de súa nai, Karen Lira, que falou da importancia dunha atención temperá e un apoio especializado e coordinado coas familias para o desenvolvemento dos nenos. Segundo dixo, “o camiño ata acadar un diagnóstico non foi fácil, e, de feito, ao comezo o desenvolvemento de Ángel sempre entrou dentro do normal. Comezou a andar aos 12 meses e a dicir as súas primeiras palabras, pero aos dous anos deixou de evolucionar na fala. Levámolo ao pediatra, que nos dicía que non nos preocuparamos e que esperásemos, pero vimos que pasaba o tempo pero non había evolución”. A partir da aí, sinalou Karen, deu comezo un percorrido incesante buscando unha segunda opinión. A familia percorreu a consulta de pediatras e logopedas. Aos tres anos comezou no CPR Bayón, onde o equipo animounos a seguir buscando respostas ata que un neurólogo pontevedrés lles deu o diagnóstico de TEA.

Ángel co seu pai e a súa nai

“Unha vez tivemos o diagnóstico levámolo ao colexio, posto que é necesario para ofrecerlle apoio personalizado e unha coidadora. Tamén fomos a un neuropediatra, este xa pola Seguridade Social, onde confirmou o diagnóstico”. A partir de aí continuou durante dous anos con apoio na escola e logopeda e terapia ocupacional polas tardes. No 2023, “as profesoras puxéronse en contacto con Amicos e déronnos a idea de visitar o CEEPR. Fomos coñecer o centro e gustounos. Ángel comezou a ir a terapia individual por privado, xa con cinco anos, e xenial, avanzou moitísimo. A medida que pasaba o tempo notamos moita diferencia”, comentou, engadindo que “unha vez cumpridos os seis anos e co inicio da primaria tramitamos o cole combinado, que empezou este curso”. Así, o cativo ribeirense acude de luns a mércores ao colexio de referencia e xoves e venres ao centro de Amicos en Oleiros.

Karen destacou tamén que as familias de persoas con TEA “necesitamos axuda de alguén especializado, iso é o que fai a diferencia”. E engadiu: “Cada paso que dá Ángel é marabilloso. Agora entende moito do que pasa ao seu arredor, e comeza a dar pasos mellorando a comunicación, agora empeza a sinalar que quere. E moito máis autónomo”. Segundo a súa experiencia, nos últimos anos avanzamos moito na integración das persoas con autismo: “Nós tivemos a sorte de que na clase de Ángel son moi cariñosos, e coas familias falámonos e apoiámonos entre nós. Tanto na familia como no cole, Ángel sempre foi un máis”.

E engade a xeito de consello para outras familias: “Se sospeitan algo que non esperen e que acudan a profesionais, que pregunten e busquen axuda. Non podemos comparar os nosos fillos cos demais, porque cada neno é un mundo, pero podemos fixarnos neles para ver que está ben e que está mal. Que busquen axuda porque a hai, e non só polo privado, hai atención temperá gratis que é moi boa. E sobre todo, que lle dediquen todo o tempo que poidan aos nenos”.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...