A Xunta licita por 952.000 euros as obras para dotar varios núcleos do concello de Lousame dun sistema de saneamento eficiente

08 Febreiro 2024

A Xunta licitou por 952.000 euros as obras para dotar varios núcleos do Concello de Lousame dun sistema de saneamento eficiente. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo este mércores 7 de febreiro un encontro de traballo coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, para informar deste novo paso administrativo para levar o servizo de saneamento e depuración de augas residuais a varios núcleos da parroquia de San Xoán de Lousame, que na actualidade non contan cun sistema de depuración axeitado.

En concreto, a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolleu este mércores a licitación das obras para dotar de saneamento axeitado e eficiente aos veciños de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns, A Costa e tamén parte do núcleo de Cruído. As empresas interesadas na execución deste proxecto teñen de prazo ata o 11 de marzo para presentar as súas ofertas. A partir de aí, continuarase cos trámites administrativos necesarios para levar a cabo a actuación, que ten un prazo de execución de 9 meses.

O obxectivo, sinalaron fontes da Xunta, “é poder iniciar as obras este mesmo ano para a súa execución durante o vindeiro e que o saneamento nestes núcleos de Lousame e a nova depuradora estean rematados a finais de 2025”. Para resolver a situación actual e garantir un sistema de saneamento eficiente aos veciños dos 5 núcleos e tamén a parte da veciñanza do núcleo de Cruído, as obras que se licitaron este mércores permitirán executar unha rede de saneamento que recollerá as augas residuais destes núcleos.

Equipamento

Esas augas serán conducidas a unha nova depuradora, que se vai executar xunto ao rego Pesqueira, na zona de Roucheira, na parcela que propuxo o Concello. Concretamente, proxéctanse 3 colectores de saneamento, cunha lonxitude que supera os 1,2 km; ademais dunha impulsión no núcleo de Costa, de preto de 400 metros de lonxitude. Un dos colectores construirase na marxe esquerda da estrada provincial (DP-4201), na intersección de Cruído; e outro na zona do Campo de Fútbol da Silva para chegar ata a nova depuradora prevista. O terceiro colector parte da rede existente de Costa e chega ao novo pozo de bombeo deste núcleo, que recollerá as augas residuais de 3 deses núcleos (Berrimes, As Quintáns e A Costa), impulsándoas cara ao colector para logo levalas á nova depuradora.

A nova depuradora estará dotada con pretratamento, decantación primaria e secundaria, medida de caudal de auga tratada e bypass que permitirá o alivio na arqueta de entrada. Estas actuacións, a rede de colectores, o pozo de bombeo e a nova estación depuradora permitirán tratar as augas de preto de 400 habitantes equivalentes destes núcleos de poboación de Lousame.

Esta intervención é froito da colaboración asinada no pasado mes de maio, por importe de 1,1 M€ entre a Xunta e o Concello de Lousame. O convenio recolle como obrigas da Administración autonómica contratar e executar as obras, financiándoas cunha achega do 80%, con máis de 887.000 €; e como obrigas do Concello, achegar o 20% restante, ademais de realizar os trámites administrativos e de poñer á disposición os terreos para a realización das obras. Estas obras están co-financiadas pola UE a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

A rexedora Teresa Villaverde, que estivo acompañada polo concelleiro de Obras Públicas, Ramón Martínez, e a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia que “permitirá prestar este servizo a edificios, tanto públicos como privados, e en especial a instalacións como o colexio, con máis de trescentos nenos e nenas, ou as numerosas persoas que fan uso do polideportivo ou da piscina. Agora esas augas van a depuradoras moi pequenas e a posta en marcha desta nova rede suporá unha mellora medioambiental e incluso patrimonial, pois nos permitirá retirar unha desas pequenas depuradoras que agora está moi preto dun lavadoiro”.

Con estas actuación, algo máis do 80% da poboación de Lousame terá acceso ao servizo de saneamento municipal.

Outros artigos

Sábado seguen os chuvascos e a temperatura mantense

O sábado seguiremos con chuvascos xeneralizados localmente acompañados de saraiba, perdendo frecuencia e intensidad co paso das horas. Durante á tarde achegarase unha fronte que deixará precipitacións en todo o territorio. As temperaturas mínimas non sufrirán cambios...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Celebrando a  Rosalía de Castro”. Antía Pereira

“Celebrando a Rosalía de Castro”. Antía Pereira

“Celebrando a Rosalía e o seu día celebramos o que nos une, o que nos representa e o que nos move. Poucas figuras concitan ó seu redor a unanimidade que convoca Rosalía. E iso en boa medida porque ela soubo tocar as cordas, unha a unha, aínda que fose de distinto...