O XVII Encontro Arqueolóxico do Barbanza xuntará en Boiro a máis dunha vintena de profesionais da arqueoloxía os días 24 e 25 de febreiro

26 Xaneiro 2024

O Concello de Boiro celebra os días 24 e 25 de febreiro o XVII Encontro Arqueolóxico do Barbanza que organiza o Centro Arqueolóxico do Barbanza. A concelleira de Cultura, María Outeiral, e o director do Centro Arqueolóxico, Víctor Barbeito, presentaron o programa dos encontros este 26 de xaneiro.

Esta cita, que comezou no ano 2007, ten como obxectivo “trasladar ao público os resultados dos traballos arqueolóxicos realizados na comarca do Barbanza nos que se presta especial atención á arte rupestre e ás investigacións recentes doutras partes de Galicia”, explicou a concelleira María Outeiral, engadindo que se trata “dunha cita xa consolidada no noso municipio e con moita importancia para Boiro xa que conta cun especial renome no mundo da arqueoloxía”.

A edil tamén explicou que o programa deste ano conta con once relatorios nos que van participar máis dunha vintena de relatores que exporán os seus traballos tanto a nivel nacional como internacional.

“Coma cada ano contamos con arqueólogos distinguidos a nivel nacional e internacional pero tamén persoas que acaban de comezar no mundo da arqueoloxía”, afirmou, pola súa banda, Víctor Barbeito.

As inscricións das xornadas están xa abertas e poden facerse na páxina web do Centro Arqueolóxico do Barbanza (www.centroarqueoloxicodobarbanza.org) ou por teléfono no 647 922 210 ata o 15 de febreiro.

A inscrición dispón de dúas modalidades, pode realizarse e maneira libre de xeito gratuíto e tamén modalidade certificada, cun prezo de 15 euros, que está pensada para estudantes da USC, do Programa de Doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte (USC) ou persoal docente dependente da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade.

A axenda

Sábado 24 de febreiro

09.00h – Acreditacións e entrega de documentación

10.30h – Acto de apertura

11.00h – Interpretación arqueolóxica e da enfermidade a partir dos restos esqueléticos humanos (Francisco Etxebarría Gabilondo)

12.15h – Descanso

12.45h – O comportamento cultural durante o Pleistoceno Superior en África, algúns exemplos da Middle Stone Age surafricana (Paloma de la Peña)

17.00h – Blandomil Soterrado ( Lino Gorgoso López)

17.30h – Adro Vello: investigación, escavación e conservación dun xacemento plural. Campañas 2022-2023 (Patricia Valle Abad, Adolfo Fernández Fernández, Marta Lago Cerviño, Elvira Mangas Carrasco, Roberto Bartolomé Abraira, Iria Veloso Pérez, Olalla López Costas, Alba Antía Rodríguez Novoa, Fermin Pérez Losada)

18.00h – Espidas polo mar: escavación e recuperación das cistas da Idade do Bronce de Punta Riason, na Illa de Arousa (Sofía Baqueiro Vidal)

18.30h – Descanso

19.00h – Indagando nun novo tipo de xacemento: As rodas ou recintos circulares galegos (M.Pilar Prieto Martínez e Luis Cordeiro Maañón)

19.30h – De humanos e carnívoros na cova prehistórica de La Garma (Marián Cueto)

20.00h – Redescubrindo Pedra Cuberta: actuacións 2023 (Fernando Carrera Ramírez e Ramón Fábregas Valcarce)

Domingo 25 de febreiro

10.00h – A enfermidade nos albores da humanidade: Paleopatoloxía e evolución humana no Leste de África (Edgar Camarós)

11.15h – A formación das sociedades da Edadi de Bronce: unha perspectiva paleoeconómica e arqueoxenética (Roberto Risch, Vanessa Villalba e Marcelo Peres)

12.30h – Descanso

14.45h – A orixe do Homo erectus e a primeira tecnoloxía Achelense no continente africano: o rexistro dos xacementos de Melka Kunture (Eduardo Méndez Quintas)

14.00h – Clausura

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión