
O Grupo Municipal do Partido Popular achegou unha moción, presentada pola voceira do PP María Sampedro, na que resumen algúns dos principais proxectos do anterior equipo de goberno, o executivo popular de Manuel Ruiz, e poñen o foco nos traballos que quedaron pendentes e que, segundo apuntan, precisan materializarse. “A parroquia de Aguiño, a máis importante en número de habitantes, é a que precisaba de cambios substanciais que devolveran a vida e o movemento á súa zona portuaria e fachada marítima”, explica Sampedro na moción, engadindo que “foi a remodelación da rúa Castelao e da súa fronte marítima (que aínda está pendente de rematar na súa totalidade) a que cambiou o aspecto esencial dese paseo humanizando unha das zonas principais da parroquia”.
No referente ás rutas turísticas e paseos medioambientais salientan a realización da apertura da senda de Punta do Laño ao Peirao Fenicio, “enclave este último que vai ser dinamizado e posto en valor grazas ao Plan de Sustentabilidade Turística logrado polo anterior executivo”, sinalan, engadindo que a consecución da parcela para a construción do Centro de Deportes Náuticos, que xa se atopa adxudicado, é tamén un proxecto herdado do anterior equipo de goberno, constituíndose como “un reclamo no eido do deporte” e contando cun investimento de máis de un millón de euros que se realizará ao carón da lonxa e que albergará a sede do Club de Remo onde numerosos rapaces e rapazas de todo o noso concello adestran a diario”.
Polo que se refire á cultura, sinalan que “Aguiño vai contar con grandes avances”, grazas, por exemplo, ao investimento de máis de medio millón de euros para rehabilitar o edificio do conservatorio procedente de fondos europeos a través do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana.
Porén, na súa opinión “foi unha mágoa que o goberno tripartito renunciase a unha Escola Infantil para a parroquia”, xa que, sinalan, “Aguiño ten poboación suficiente para precisar dun servizo coma este pero era o pasado setembro cando coñeciamos que o goberno non solicitaba a subvención que a Xunta de Galicia publicaba para optar a uns fondos fixos que permitirían avanzar na posta en marcha, como xa fixeron outros concellos da zona coma Outes”.
Na moción tamén lembran “o bo funcionamento das Aulas do Maior do Aguiño, con obradoiros, charlas ou cursos que dinamizan a vida dos maiores na parroquia, ademais dos talleres terapéuticos que se desenvolve AGADEA”.
O grupo popular advirte na súa proposta da necesidade de “seguir avanzado” e lembra o traballo feito xa para converter en realidade a recuperación da antiga fábrica do xeo na zona portuaria. “Cun cambio urbanístico en marcha, ese inmóbel debera converterse nun espazo de referencia que rematase de complementar todos os servizos públicos municipais que se ofrezan na parroquia de Aguiño: un espazo multiusos no que teñan cabida os maiores e os mozos”, sinalan, engadindo que “habería espazo suficiente para chegar a un acordo coa Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño coa que ambas partes poidan ter o seu espazo e que dende o Concello de Ribeira se habiliten novos servizos para a veciñanza coma un Centro de Día os maiores, un espazo xuvenil no que pasar o tempo de lecer os mozos e incluso podería ter cabida para un espazo onde albergar unha escola infantil”.
Estes son os puntos solicitados na moción:
1- Instar ao goberno municipal a axilizar os cambios urbanísticos que correspondan ao mesmo para poder actuar no espazo da antiga fábrica de xeo de Aguiño.
2- Instar ao goberno municipal a buscar un acordo frutífero para ambas partes coa Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño.
3- Priorizar a posta en marcha dun Centro de Día para os maiores e un espazo multiusos onde poida desfrutar a xuventude de múltiples actividades.



