A Área de Accesibilidade da confederación COGAMI, presidida polo sonense Anxo Queiruga, fixo balance da súa actividade en 2023, ao abeiro dunha das súas principais funcións: asesorar sobre axudas técnicas e sobre a lexislación vixente para que os espazos e servizos sexan humanizados conforme a criterios de accesibilidade universal.
A esta área solicitáronse por correo electrónico, telefonicamente ou de xeito presencial, un total de 78 asesoramentos, sendo os temas máis tratados os relacionados cos accesos de entrada a portais e vivendas particulares, a adaptación dun aseo ás necesidades dunha persoa con mobilidade reducida e tamén sobre cuestións das contornas urbanas.
Con respecto ao lugar de procedencia das persoas que solicitaron asesoramento, a provincia de A Coruña con 39 foi a que máis contabilizou, seguida da de Pontevedra con 30, Lugo con 6 e Ourense con 3. Este asesoramento é de carácter gratuíto para as persoas con discapacidade e familias e dende a Área de Accesibilidade trasládase unha resposta que pretende ser a solución máis doada para a persoa.
Moitas das consultas recibidas sobre accesibilidade rematan en intervencións dun profesional experto que se despraza ata o domicilio para tomar datos, medidas e fotografías dos espazos, como resultaron ser as 43 intervencións realizadas neste pasado ano. Tras analizar as necesidades, elabórase un informe final que recolle o estado actual da vivenda e as propostas de mellora dos espazos tendo, sempre en conta as necesidades que presenta a persoa.
Dende a área de Accesibilidade de COGAMI destacan que “as melloras dun inmóbel benefician tanto á persoa primeiramente interesada, como tamén ao resto de veciñas e veciños, negocios, oficinas, persoas que reparten mercadorías, entre outras”.
Ademais de analizar as necesidades en vivendas particulares, dende COGAMI tamén se traballa con organismos públicos para facer unha sociedade máis adaptada a toda a cidadanía. Como exemplo é o proxecto desenvolvido de fomento da cultura inclusiva que se trasladou a 13 centros escolares de Santiago de Compostela; a valoración da accesibilidade das instalacións da facultade de Matemáticas da USC; a valoración dos centros de atención temperá dos concellos de Carral, Tomiño e Mos ademais da realización dun informe sobre a accesibilidade do IES Alfredo Brañas de Carballo.