Novamente Porto do Son volveu acoller (logo da cita de Santo Tomé, Baroña, en setembro) a presentación do proxecto Lavadoiro, destinado a reivindicar o patrimonio oral, etnográfico, social, paisaxístico e cultural ligado os nosos lavadoiros, todo dende unha óptica feminina e feminista. A cita foi na Casa da Cultura de Porto do Son, que se viu ateigada de veciñas e veciños de todas as idades para asistir á proxección do audiovisual elaborado pola arquitecta e fotógrafa Ana Amado, xunto co cineasta galego Lois Patiño. O audiovisual documenta a intervención efémera elaborada polos artistas con motivo do proxecto. Nas súas palabras, estamos ante “un poema audiovisual que aborda o rol esencial destas construcións na vida das mulleres como lugares de traballo doméstico e tamén de socialización”.
O proxecto forma parte do Ciclo #4x3Outono da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Máis en detalle, Lavadoiro é unha proposta artístico-audiovisual de Ana Amado e Lois Patiño que naceu co obxectivo de “dar visibilidade ao valor do traballo doméstico non remunerado das mulleres do rural, así como recoller o patrimonio material e inmaterial dos lavadoiros como lugar de traballo pero tamén de reunión e debate”.
Segundo engadiu, o traballo comezou cunha investigación arredor dos lavadoiros que puxo o foco no seu carácter de “elementos arquitectónicos singulares e de gran valor patrimonial” pero tamén como “lugares exclusivos de mulleres, onde se levaban a cabo unha de tantas tarefas domésticas que tiñan realizar no seu día a día e que, por desgraza, non eran recoñecidas nin agradecidas”.
Froito destas pescudas xurdiu a idea de facer unha curtametraxe da man de Ana Amado e como director o cineasta galego Lois Patiño, rodando as escenas entre os lavadoiros de Artes, o das Pinisqueiras en Aguiño (os dous no concello de Ribeira) e nas pozas de San Tomé en Baroña, en Porto do Son, contando como protagonista de varias mulleres locais sin experiencia previa no sector audiovisual pero que compensaron esta falta de bagaxe cinematográfica cunha importante dose de autenticidade (testemuñas directas).
En Baroña filmáronse e recolléronse datos e información das mulleres que a día de hoxe aínda seguen lavando a diario no lavadoiro de Vilar.
O proxecto conta co apoio dunha subvención da Deputación da Coruña e a colaboración dos Concellos de Ribeira e Porto do Son, ademais do apoio de personalidades como o arquitecto Carlos Seoane, autor da restauración do Lavadoiro de Artes, ou o arquitecto inglés David Chipperfield, afincado en Corrubedo.
Ana Amado tamén salientou a “enorme axuda que particulares en Ribeira e Porto do Son e entidades locais como a Comunidade de Montes de Baroña en asuntos como a loxística, permisos, montaxes de escenografía, etc, facilitándonos o contacto coas mulleres locais usuarias de lavadoiros, que nos están achegando testemuños valiosísimos que é absolutamente necesario rescatar do esquecemento”.



