
O Concello de Boiro e Mulleres Salgadas asinaron este mércores 20 de decembro un convenio para levar a cabo actividades e un programa de formación a mulleres vencelladas co mar. O alcalde, José Ramón Romero, e a presidenta da entidade, Dolores Gómez, asinaron o documento.
Este convenio de colaboración lévase a cabo no marco dos acordos que o Concello de Boiro leva a cabo con entidades do municipio para levar a cabo actividades ao longo do ano. No caso de Mulleres Salgadas, unha entidade de ámbito autonómico de mulleres do sector pesqueiro, a subvención por importe de 3.500 euros destinarana a formación específica para mulleres do sector.
Xunto coa concelleira de Mar, Olga González, e outras membro da directiva de Mulleres Salgadas, conversaron sobre os principais problemas aos que se enfrontan as mariscadoras en particular e o sector do mar en xeral. Por exemplo o descenso na produción, que está levando ao cese de actividade nas praias debido á mortaldade do marisco.
O alcalde, José Ramón Romero, e a concelleira, Olga González, mostraron o seu compromiso co sector do mar “que é estratéxico para Boiro ao representar preto do 76% da riqueza da comarca. Son numerosas as familias que viven directamente no mar e que precisan solucións”.



