Redemar presenta novos proxectos destinados a aumentar a produtividade e resiliencia do marisqueo

16 Outubro 2026

Hoxe celebrouse a sesión ordinaria da rede entre o sector pesqueiro e a comunidade científica de Galicia (Redemar), celebrada de xeito telemático e presidida pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez. A xuntanza técnica tivo por obxecto a análise e valoración das diferentes iniciativas remitidas por entidades de investigación, universidades e o propio sector marítimo-pesqueiro para “fortalecer a xestión sustentábel e o coñecemento dos recursos mariños”.

No marco deste encontro, deuse luz verde á selección de tres proxectos de investigación aplicada de carácter estratéxico.

A primeira iniciativa, denominada Mariskeo, está enfocada a buscar solucións compartidas que melloren a situación do marisqueo a pé mediante a integración activa de entes como a Federación Provincial de Confrarías de Pontevedra xunto á Universidade de Vigo e o CSIC.

Por outro lado, acordouse a aprobación de Monimar-27, un novo proxecto liderado polo CIMA, CETMAR e a Federación Galega de Confrarías de Pescadores que dá continuidade directa ao proxecto Ecosistémica24 —que conclúe este ano— co gallo de manter e afondar nas series históricas de datos e na monitoraxe do marisqueo.

Por último, deuse o visto e prace a Calimar-2, desenvolvido pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración co sector, co obxectivo de estudar a situación da produtividade en diversos enclaves costeiros.

A aprobación destas propostas nesta sesión responde á vontade de axilizar a súa tramitación mediante a fórmula de anticipado de gasto, permitindo así que os equipos investigadores e o sector poidan comezar a traballar sobre o terreo xa a principios de ano. Pola súa banda, o resto de proxectos de nova formulación remitidos nesta convocatoria serán analizados na vindeira reunión ordinaria, prevista para comezos do ano 2027.

Así mesmo, a xuntanza acordou a aprobación de cinco solicitudes de modificación e prórroga de iniciativas que se atopan en execución activa co obxectivo de afianzar as series de datos e garantir a transferencia efectiva dos resultados acadados. Entre elas figuran as ampliacións de Ostreares, que aborda a recuperación da ostra plana na enseada de San Simón, e Resalber, relativa a marcadores moleculares de resistencia á salinidade no berberecho, ambas desenvolvidas polo Centro de Investigacións Mariñas de Galicia (CIMA), dependente da Consellería do Mar.

Tamén se autorizou a continuidade de Zamfer, de avaliación da zamburiña na ría de Ferrol, e os reaxustes técnicos nos proxectos Bivalfood, sobre a alimentación de bivalvos en San Simón tras a mortalidade derivada de episodios meteorolóxicos adversos, e Algasdet, centrado na detección precoz da alga invasora Rugulopteryx okamurae mediante ADN ambiental.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

“Agresións, vexacións e torturas” – José Manuel Pena

Desde Amnistía Internacional e algúns medios de comunicación están a denunciarse varios casos de agresións, vexacións e torturas, por parte dun grupo de militares españois, cara a algúns migrantes africanos chegados á cidade autónoma de Ceuta, algúns deles menores de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.