
O Concello de Ribeira comezou nesta semana coa entrega de composteiros domésticos gratuítos entre a veciñanza residente en vivendas unifamiliares ao abeiro dunha nova campaña de fomento da compostaxe que consta de 110 unidades a repartir e que xa está completa. A dita distribución continuará en vindeiras datas.

Trátase dunha medida dirixida a incrementar a eficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal, co-financiada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Un dos lugares nos que se efectuou o reparto foi na parroquia de Carreira, ata onde se desprazou o concelleiro de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, para quen é importante seguir traballando neste sentido “ao permitir reducir o peso da fracción do resto nos contedores verdes coas vantaxes ambientais, económicas e sociais que supón”.

Aínda que xa están esgotados os composteiros, recolleranse 10 solicitudes máis para listaxe de agarda por se alguén se dese de baixa. Pódese solicitar de maneira online, escaneando o código QR da cartelería informativa da campaña; ou presencialmente na Oficina de Atención Cidadá. A maiores, no mércores, 21 de outubro, ás 19.30 horas, ofrecerase no Centro Cultural Lustres Rivas unha charla sobre compostaxe doméstica e comunitaria para dar a coñecer ambas alternativas.
Características do composteiro
Cada composteiro ten unha capacidade de 400 litros e debe instalarse nunha parcela ou horta dun mínimo de 25 metros cadrados, tendo en conta unha serie de recomendacións básicas para o seu correcto funcionamento: situalo nunha zona sombreada, protexida das inclemencias meteorolóxicas; preferiblemente, baixo unha árbore de folla caduca; e en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores.




