O Concello de Dodro emitiu un comunicado no que demanda da Xunta de Galicia “unha mellora no transporte público despois de todas as carencias detectadas tras a concesión do contrato para a comarca do Barbanza”.

Segundo fan saber dende o Goberno local, “a posta en funcionamento da nova concesión para a comarca do Barbanza (contrato XG847) supuxo unha importante reorganización de percorridos, paradas e horarios do autobús que comunica Dodro cos municipios de Padrón e Santiago de Compostela e cos concellos do Barbanza”, pero, con todo, “dita concesión reduciu drasticamente a frecuencia e conexión de Dodro, en autobús, co resto do territorio, circunstancia que afecta ás persoas usuarias do servizo e, de xeito grave, a estudantes e persoas traballadoras”.
Ante as sucesivas queixas da veciñanza, o Concello de Dodro facilitará unha recollida de reclamacións para as persoas afectadas, co obxecto de darlle traslado á Xunta de Galicia.
O documento oficial de reclamación estará á disposición da poboación os días hábiles, na Casa do Concello, en horario de 9.00 a 14.00 h, e na Casa da Cultura, en horario de 10.00 a 15.00 e de 15.30 a 19.00 h.
A finalidade desta medida é “conseguir a revisión e mellora da actual concesión de transporte e un servizo público de calidade, adaptado ás necesidades reais da cidadanía”.






