
A Asociación O Tapal De San Martiño de Noia vai presentar este 30 de decembro o libro Prudencio Romo, tamén un músico de Deus. Será este sábado ás 20:00 h, na igrexa de San Martiño. O acto virá acompañado dun concerto no que as persoas asistentes poderán gozar dalgunhas das composicións musicais do artista. Actuarán o Grupo Amadeus, o Coro Parroquial de Santa Cristina de Barro, a Coral Feminina Babanza e o Grupo Vocal e Instrumental Atlántico. Dirixirán as actuacións Juan José Peña García e Alejandro Guillermo Larrosa. Ao órgano estará Rut García González. Trátase dunha actividade de homenaxe organizada pola Asociación Cultural O Tapal de San Martiño de Noia, contando coa colaboración da Deputación da Coruña.
Prudencio Romo (fonte: Galipedia)
Prudencio Romo, nado en Noia o 10 de outubro de 1927 e finado en Santiago de Compostela o 19 de marzo de 2007, foi un compositor e intérprete de guitarra, baixo e violín principalmente. Foi director musical do mítico grupo Los Tamara.
Comezou a súa andaina musical como neno de coro na igrexa de San Martiño de Noia. Estudou no Seminario de Compostela, onde formou parte do coro da catedral e formouse musicalmente en coros relixiosos e en bandas militares.
Prudencio foi un dos fundadores de Los Tamara na vila de Noia, en 1958, que pasaron á historia por ter gravado a que está considerada a primeira canción de pop en galego, Galicia, terra nosa, composición de Prudencio Romo, igual que Puerto de Compostela. Romo foi o artífice dos arranxos das cancións A Santiago voy e Mi Tierra Gallega, se cadra as máis coñecidas de Los Tamara.
A principios dos 80 volveu a Noia, onde seguiu vinculado á música. Formou e dirixiu durante varios anos a Banda da Serra de Outes. Tamén dirixiu os festivais de zarzuela que se fixeron na Sociedade Liceo de Noia. A finais do ano 1994, a Corporación de Lousame encargoulle o labor de formar unha banda de música no concello. Foi director desta ata 2006, o ano anterior ao seu falecemento.
En 1996 foi nomeado fillo predilecto da súa vila natal, Noia.


