O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe no Parlamento Europeo na xornada Conservar e transmitir o patrimonio cultural: un desafío común para Europa, onde compartiu con dirixentes europeos a importancia de intervir na salvagarda dos bens para conservar a identidade común formada arredor destes símbolos e na que puxo de exemplo a actuación feita na Catedral de Santiago de Compostela.
“O patrimonio cultural é unha fonte de riqueza histórica e artística na que se conserva a nosa identidade e os nosos elementos de cohesión social”, salientou o titular de Cultura durante a súa intervención, na que fixo un chamamento para que Europa afronte “os retos que supón a súa conservación desde unha perspectiva técnica”. Neste senso, o conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, afirmou que a reinauguración da Catedral de Santiago de Compostela, 800 anos despois da súa consagración, “é un dos procesos máis significativos dos últimos anos en Europa no ámbito do patrimonio”.
Román Rodríguez declarou que Galicia “está orgullosa da rehabilitación realizada neste ben e que este traballo é tamén un exemplo para Europa tanto pola fazaña técnica como pola implicación das diferentes administracións públicas, da sociedade civil e de distintas institucións”, indicou. Tal e como explicou, foi un proceso complexo tras o cal a Catedral xera na actualidade un impacto estimado de máis de 200 M€ anuais. En concreto, os traballos alongáronse algo máis dunha década nas que se propiciou a creación de 217 postos de traballo vencellados coas case 100 intervencións levadas a cabo grazas un investimento conxunto superior aos 23 M€.
Tal e como resumiu, a restauración da Catedral “foi moito máis alá da súa preservación material para protexer os grandes valores culturais, comunitarios e espirituais dunha das iconas máis potentes do noso continente tanto pola súa significación relixiosa como polo seu protagonismo social e económico”.
Xornada no Parlamento Europeo
O conselleiro de Cultura participou na mesa redonda Europa: un patrimonio milenario no marco da xornada Conservar e transmitir o patrimonio europeo celebrada hoxe en Bruxelas xunto con dirixentes europeos e diferentes expertos en rehabilitación patrimonial.
Ademais do representante da Xunta de Galicia, tamén interviñeron os eurodiputados Francisco Millán Mon e François-Xavier Bellamy, organizadores da xornada, e o vicepresidente da Comisión Europea, Margaritis Schinas. No primeiro panel, ademais do conselleiro, participaron o director do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, Stefano Dominioni, e Séverine Blenner-Michel e Olivier Zeder, responsables do departamento de Conservadores e Restauradores do Instituto Nacional do Patrimonio en Franca.
No segundo panel, titulado Os desafíos para a preservación do patrimonio europeo, estiveron Anne Grady, experta en patrimonio cultural no Museo Nacional de Irlanda; Emmanuelle Andrieux, presidenta da Cámara Nacional Francesa da Unión de Vidrieras; Carlos Seoane, arquitecto experto en espazo público, e Coraline Baroux-Desvignes, delegada xeral da Cámara francesa de fabricantes de instrumentos.
O programa completouse co relatorio Perspectivas para unha política europea da transmisión de patrimonio, na que participaron Georg Haeusler, director xeral de Cultura, Educación, Xuventude, Deporte e Cultura da Comisión Europea; Sneška Quaedvlieg–Mihailović, secretaria xeral de Europa Nostra, e Amaury Gomart, presidente da asociación Arcade.