A nova tempada de pesca fluvial en Galicia comezará o vindeiro 17 de marzo e estenderase ata o 31 de xullo

10 Novembro 2023

A tempada de pesca continental en Galicia para o ano 2024 comezará o vindeiro 17 de marzo e estenderase ata o 31 de xullo, con carácter xeral. Así foi acordado esta mañá durante a reunión ordinaria do Consello Galego de Pesca Continental, que estivo presidida pola directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e que contou coa participación dunha ampla representación dos distintos axentes implicados neste sector na Comunidade.

Durante a xuntanza, analizáronse as propostas a ter en conta na orde anual que se publicará proximamente e regulará os períodos hábiles de pesca para a vindeira tempada, abordándose tamén o establecemento das respectivas normas e determinacións para cada especie.

Así, no caso da troita, o período xeral abrirase o 17 de marzo de 2024 prolongándose a súa pesca ata o 31 de xullo, coas excepcións das masas de auga salmoneiras e as de montaña, nas que a tempada comezará máis tarde, concretamente, o 1 de maio.

Por outra banda, nos coutos de pesca intensiva e nos tramos de pesca sen morte, poderase pescar ata o 30 de setembro, mentres que nos coutos con convenio, con carácter xeral a tempada prolongarase ata a mesma data na modalidade de sen morte.

No que respecta ao salmón, os pescadores poderán desenvolver a súa actividade a partir do 1 de maio e ata o 31 de xullo. As cotas de captura desta especie no río Mandeo (A Coruña) establécese en 5 exemplares; nos ríos Masma e Salmeán (Lugo), a cota será de 15 e 10 exemplares, respectivamente; e no Miño (Ourense), o límite será de 8 salmóns.

Na caso da provincia de Pontevedra estableceuse unha cota de 15 exemplares para o río Ulla, cunha redución dun 50%, mentres que o Lérez continuará vedado. O límite segue a ser de 1 salmón por pescador e día, e tamén se mantén a autorización dos engados permitidos.

Polo que respecta ao reo, mantense o período xeral do 1 de maio ao 31 de xullo, prolongándose ata o 30 de setembro nalgúns coutos.

Na reunión do Consello Galego de Pesca Continental tamén se abordaron as xornadas hábiles para a vindeira tempada así como distintas propostas trasladadas polos consellos provinciais de pesca.

Plan manexo corvo mariño
Por último, aproveitouse a xuntanza para expoñer os principais resultados da posta en marcha do Plan de manexo das poboacións de corvo mariño grande en Galicia, tras constatar a incidencia que esta especie está a ocasionar sobre as poboacións piscícolas, especialmente no caso dos salmónidos. Cómpre precisar que o obxectivo é minimizar a súa presión depredadora sobre os peixes e garantindo que as medidas que se adopten non incidirá negativamente na conservación desta ave.

Este plan se desenvolveu en 11 coutos das 4 provincias, realizándose un total de 40 percorridos de censado e tras os resultados acadados, aplicáronse as medidas para os distintos niveis de manexo establecidos no plan e avaliáronse os resultados das mesmas.

Para rematar, Belén do Campo salientou o compromiso do seu departamento coa protección e posta en valor dos espazos fluviais galegos e as súas contornas, confirmando que o ano que vén se publicará unha nova orde de axudas dirixida a apoiar ás sociedades de pesca no seu labor e salientando tamén que se lle dará continuidade ao proxecto Mil Ríos. Cun orzamento global de 5 millóns de euros, explicou que o próximo ano se completarán os traballos pendentes de executar no marco desta iniciativa, grazas á cal se mellorará a resiliencia de 260 quilómetros de ríos.

Outros artigos

Martes 10, nubes e claros e temperaturas baixas

A situación meteorolóxica manterase estable este martes con ventos do nordés, que seguirán canalizando aire frío procedente do interior do continente europeo. Os ceos presentarán nubes e claros, con chuvascos que serán máis frecuentes e intensos na metade norte de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Notre Dame”. José Castro López

“Notre Dame”. José Castro López

Francia vive días de depresión política. Un extraño “consenso” entre las extremasizquierda y derecha tumbó al Gobierno y todo indica que el presidente no tiene fácil laresolución de esta crisis, muy preocupante para Europa porque coincide con el vacío depoder en...