
A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional levou a cabo hoxe a presentación oficial do seu Calendario Solidario 2027 no Cine Teatro Elma da Pobra do Caramiñal. Unha nova edición dedicada ó mundo do cinema e que, novamente, “busca visibilizar o talento das persoas usuarias da entidade”.
Segundo fixo saber o equipo da asociación inclusiva, “o Calendario Solidario 2027 é froito dun intenso traballo creativo entre o fotógrafo Pichero e Ambar” onde os participantes recrearon as cartelas das seguintes series: Rondallas, Pioneras, El Maestro que Prometió el Mar, Sorda, Romería, Te Estoy Amando Locamente, Casa en Flames, Sirat, Yo no Moriré de Amor, El 47, Los Aitas e Los Domingos.

No acto estiveron presentes autoridades de diferentes concellos da contorna. Abriu o evento José Carlos Vidal, alcalde da Pobra, quen tamén estivo acompañado de Amparo Cerecedo, concelleira de Servizos Sociais.
“Grazas polo voso traballo, pola vosa entrega e por lembrarnos unha e outra vez que detrás de cada persoa hai unha historia, uns soños, unhas capacidades e moito que compartir”, afirmaba Vidal no seu discurso.
Do Concello de Ribeira acudiu o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño. Dende Porto do Son asistiron a concelleira de Obras e Servizos, María Maroñas, e o concelleiro de Deportes, Carlos Lorenzo.
De Ambar asistiron á presentación todas as persoas usuarias e parte das súas familias, así como representantes da entidade como Milagros Rey, presidenta de Ambar, e Helena Teira, coordinadora xeral. Presentou o acto Zeltia Iglesias, facilitadora de Ambar e coordinadora do proxecto Calendario Solidario. Durante a xornada reproducíronse uns vídeos das persoas participantes en pleno proceso de creación das portadas con Pichero.

Pecharon a sesión Milagros Rey, o fotógrafo Pichero e Amparo Cerecedo: “Alá no estranxeiro creo que queda inaugurado o Nadal cando Mariah Carey canta a panxoliña; aquí na Galiza, cando Caballero acende as luces de Vigo; pero na Barbanza queda inaugurado o Nadal cando se presenta o calendario de Ambar”, afirmou Cerecedo.
Milagros Rey agradeceu a gran acollida do público no acto de presentación, a colaboración do goberno da Pobra, “que sempre nos facilitan as cousas e nos reciben con brazos abertos” e o apoio por parte das empresas colaboradoras.
Adquisición e agradecementos
O Calendario Solidario 2027 xa está dispoñíbel para a súa adquisición a través da tenda en liña na web de Ambar ou mediante contacto directo nas canles habituais: o teléfono 981 87 44 80 e máis a conta correo@asociacionambar.org.
A Asociación quere estender o seu agradecemento ao Concello da Pobra do Caramiñal e aos seus patrocinadores por facer posíbel este proxecto: Serdeco, Mobalco, Jaldo, Coyamar, Solarz, Rio Blanco, Cepsa (Estación de Santa Uxía), Eclipse, A Poutada, Fripusa, García Sánchez, Mariño Ortopedia, Electro Vidal S.L. e Pablo Ferreirós Abogado.




