Os voceiros do BNG de Rianxo, Xusto Ordóñez e Sarela Betanzos veñen de trasladar a través de
Rosana Pérez, membro do Parlamento de Galicia desta comarca, a problemática xurdida no Porto de Rianxo con diferentes embarcacións da chamada sétima e terceira lista. As embarcacións están a recibir requirimentos verbais para saír do que era o seu lugar de amarre desde hai anos. E ademais sen que haxa a día de hoxe alternativa viábel para este troco.
Dende hai anos e ata o pasado mes de agosto, barcos da 3a e 7a lista de rexistro de embarcacións (buques de pesca e embarcacións deportivas de recreo, respectivamente) permanecían amarradas na contorna do porto de Rianxo.
Agora, axentes da Garda Civil requiriron verbalmente aos seus propietarios para que retirasen,
aparentemente por razóns de seguridade, as súas embarcacións do lugar no que amarraban dende hai tempo, unha sorte de escollera na contorna do porto de Rianxo, mais desentendéndose (porque entenden que tampouco é a súa misión) do onde amarrarán no futuro as embarcacións.
Os afectados non tiveron en ningún momento notificación escrita de ningunha administración e, en contactos mantidos pola Confraría e os propios afectados con Portos de Galiza, este ente asegurou non ser coñecedor da actuación da Garda Civil.
O problema que se xerou aos afectados vai moito máis alá de ser puntual, xa que no porto de
Rianxo non existen lugares de amarre abondo para acoller as súas embarcacións. Por un lado, no caso dos da 3a lista, estamos diante dun serio problema que mesmo lle impide desenvolver con normalidade a súa actividade profesional. E, por outro, no caso dos da 7a lista, en moitos casos persoas xubiladas e con poucos recursos, que se verán suxeitas no mellor dos casos ao pago de taxas.
O BNG realizará varias preguntas escritas no pleno do Parlamento que cando se reciba a pertinente contestación desexa sirva para procurar unha solución satisfactoria para solucionar esta situación xerada e coñecer tamén a responsabilidade de exercer medidas de presión sobre os mariñeiros.
O PP de Ribeira pregunta ao Concello polo estado no que se atopa o proxecto de apertura da rúa Barbanza
Os populares de Ribeira, a través da voceira do grupo María José Sampedro, presentou unha pregunta relativa ás obras pendentes na rúa Barbanza (a carón do novo Auditorio Municipal) e o estado no que se atopa o proxecto. Lembrou na súa proposta que "en 2019, á par que...