
A voceira do Grupo Municipal Popular da Corporacion de Ribeira, María Sampedro Fernández, vén de presentar esta semana unha moción solicitando que se axilice a tramitación e execución das actuacións cofinanciadas con fondos europeos ao estar condicionadas a estar cumpridas en prazo para non perder esas subvencións. Neste senso, na proposición presentada para ser debatida no vindeiro pleno ordinario de setembro, alúdese aos fondos Feder recibidos para a realización da EDUSI, que debe estar completamente terminada o 31 de decembro deste ano e aos fondos Next Genetarion captados para múltiples actuacións entre as que se atopan as integradas no Plan de Sostibilidade Turística ou as reformas da Casa Consistorial e do Conservatorio de Aguiño para mellorar a eficiencia enerxética destes edificios.
Así, explica a moción na súa exposición de motivos, que ningún veciño ou visitante se lle escapa que o municipio de Ribeira está sendo obxecto dunha intensa transformación na última década; en boa medida froito das ambiciosas actuacións e investimentos que este Concello pode asumir grazas á consecución dos fondos procedentes da Unión Europea e a súa execución.
Botando a vista atrás, esta transformación ten unha data de comezo: o 1 de xullo do 2011. Aquel día, o Ministerio de Facenda confirmaba o outorgamento de 5.046.017 euros de fondos Feder para impulsar o proxecto Ribeira Atlántica 2015, grazas ao cal puidemos impulsar accións tan significativas como a construción do mercado municipal, o paseo do Touro, a senda fluvial do Río de Artes, o centro social de Oleiros, o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) ou a escavación do xacemento arqueolóxico de Castro da Cidade, entre outras. Hai que dicir que o Concello foi destacado polo altísimo grao de execución en tempo e forma daquel plan, cercano ao 100% dos fondos percibidos.
Concluído o plan Ribeira Atlántica, o impulso que o noso municipio tomou puido ter continuidade grazas á EDUSI Máis Ribeira Atlántica: Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado, que foi presentada oficialmente en novembro do 2016 nas instalacións do mercado municipal. A través da EDUSI, Ribeira obtivo outros 5 millóns de euros de fondos Feder na primeira convocatoria deste programa operativo plurirrexional (convocatoria que deixara fóra naquel momento, por certo, a concellos como A Coruña, Ferrol, Ames ou Carballo, ao non acadar a puntuación suficiente ). A EDUSI está distribuída en catro vectores estratéxicos (Ribeira más humana, máis turística, máis intelixente e máis eficiente) e grazas a elas puidemos activar accións tales como a remodelación do Malecón, o novo Auditorio, as sendas do río Pedrín, Punta Laño e Coroso; a reforma do Conservatorio Enrique Paisal, a instalación de luminarias en diversos paseos litorais e no porto de Aguiño, a instalación de pasos de peóns intelixentes na Avenida da Coruña ou a construción dun centro de acollida, ademais de avanzar na transparencia, axilidade, eficacia e eficiencia na atención aos veciños ao implementar numerosas melloras na administración dixital e telemática.
Máis tarde, no ano 2020, Europa activaba os fondos Next Generation co obxectivo de contrarrestar os efectos da pandemia do covid e, para o seu reparto en España, o Goberno do Estado convocaba sucesivos programas dentro do denominado Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Pois ben, cada proxecto que presentaba Ribeira seguía a ser magnificamente valorado e, grazas a este bo facer, puidemos lograr, por exemplo, 2,8 millóns para a reforma e mellora da eficiencia enerxética da Casa Consistorial (coa duodécima mellor puntuación entre 1.605 proxectos de toda España, sendo a primeira de Galicia), 2 miĺlóns para un Plan de Sostibilidade Turística, 600.000 euros para o Conservatorio de Aguiño, 1 millón para accesibilidade e calmados de tráfico nas Abesadas e Castiñeiras, e así poderíamos seguir con outras subvencións Next Generation para a instalación de plantas fotovoltaicas en edificios públicos, transformación dixital, etcétera.
Mais de 18 millóns de euros
En resumo: estamos a falar de máis de 18 millóns de euros logrados da Unión Europea que nos están a permitir desenvolver esas “grandes obras” tan denostadas polos grupos que hoxe conforman o Goberno Local. Por outra parte, no afán de proseguir coa citada transformación ao longo desta década, tamén temos que recordar que, de xeito excepcional, a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana firmaba co alcalde Manuel Ruiz un convenio para impulsar o plan de acción da Axenda Urbana de Ribeira Atlántica, que marca a folla de ruta a seguir ata o ano 2030 e que foi ratificado por unanimidade da Corporación Municipal no antepenúltimo día do ano 2022.
Agora ben, esta inxente xestión herdada polo Tripartito corre risco de zozobrar se non se articulan as medidas necesarias para executar en prazo as actuacións subvencionadas polos fondos europeos, pois conlevarían a perda dos mesmos. Por exemplo, a EDUSI ten que estar finalizada o 31 de decembro deste mesmo ano e observamos que obras como o Conservatorio ou o Auditorio están a 3 meses vista en construción, outras como a senda de Coroso atópanse nunha fase moi preliminar, en tanto que o centro de acollida ou os pasos de peóns intelixentes da Avenida da Coruña aínda non pasaron da súa tramitación. Ademais, e tal como se explicou durante a visita do entón Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, a remodelación da Casa Consistorial ten que estar rematada en setembro de 2024 cando nin tan sequera se adoptaron as medidas necesarias para trasladar o seu persoal a outra ubicación. E
nada sabemos das actuacións que conforman o Plan de Desenvolvemento Turístico (entre as cales figuran, por exemplo, a posta en valor do Peirao Fenicio, a humanización do entorno do faro de Corrubedo, o Museo do Mar, a senda dos Muíños do Río Saíñas, a mellora do Parque Periurbano de San Roque, ou a creación dun centro de interpretación na antiga fábrica de salgadura de Punta do Castro, entre outras), que teñen que estar completamente executadas o 31 de decembro do ano próximo.
Preocupación
Estamos verdadeiramente preocupados porque, despois de máis de dous meses de Goberno Tripartito, non estamos a percibir ningún avance significativo nestas materias e, mentres, o reloxo corre e os prazos esixidos para o seu remate están cada vez máis cerca, co perigo de comezar a perder o formidable legado deixado polo anterior Goberno.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do Partido Popular insta ao goberno municipal a que aplique a maior celeridade en termos de eficiencia e eficacia para poder executar en tempo e forma as actuacións financiadas con fondos europeos Feder e Next Generation ante o risco de perder estas axudas, habida conta do seu manifesto interese para os veciños e de que seguen a ruta marcada polo plan de acción local da Axenda Urbana de Ribeira Atlántica, aprobado por unanimidade dos grupos que conformaron a Corporación Municipal no pasado mandato.