“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

27 Setembro 2026

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo sen
rumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantas
somos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se é o caso.
Chámome Fouzia, un nome que podería ser Vitoria. Que lle parece?
Aquel capitán, acostumado a recibir as ondas bravías de mares distintos, acaneou a cabeza e saudou
con aprecio e boa cara á morena camuflada, con destino a onde tocara. A poder ser a algunha terra
firme e liberada, a unha terra onde os homes fosen donos de seu e as mulleres, tamén, donas de
seu. Os nenos, non. Os nenos teñen a necesidade e o dereito de seren protexidos, amparados e
educados polos seus pais.
Os nenos non poden ir ao mar, deben estar na casa, na praza do lugar onde viven e na escola máis
achegada. Alí, cos outros nenos, é onde teñen o seu sitio. Por iso Fouzia aprópiase da razón cando
afirma que ninguén ten dereito a secuestralos. Ningún goberno pode promover a separación das
nenas e nenos do seu grupo familiar, da súa nai, da súa vida, do seu entorno, dos seus irmáns. Aínda
que sexa ordenado pola lei, poida que sexa conveniente algún reparo.
Eles, os nenos que chegaron a Ceuta estes días pasados, cando principiaron a viaxe, saberían para
onde ían? E, agora, alguén será quen de explicarlles onde están? Din as crónicas xornalísticas que
detrás de todo isto que ocorre en Ceuta están as mafias. Pode ser, poida que as mafias dobreguen e
ordenen as accións gobernamentais en determinados territorios e con determinados gobernos, pero
é de supoñer que un goberno, en acción de axuda aos seus cidadáns, é capaz de minimizar, primeiro,
e logo destruír o poder de calquera e de tódalas mafias.
Aqueles mandatarios, de aquí ou de fóra, dunha ou doutra ideoloxía, dalgunha relixión ou de
ningunha, que permiten e axudan á construción e á montaxe de vivendas en carpas instaladas en
lugares non adecuados, parece evidente que actúan á marxe dos intereses da cidadanía e das
recomendacións que fan as organizacións humanitarias, as que din defender os dereitos humanos.
Fouzia volverá á terra, calquera día, e dos dous lados da raia estarán os seus compatriotas sufrindo e
malvivindo.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.