O ciclo ‘Os medios do futuro comezan nas aulas’ percorrerá A Coruña, Santiago e Pontevedra para tender pontes entre as redaccións e o estudantado ante retos como a intelixencia artificial ou os novos modelos de negocio.

A Asociación de Medios en Galego (AMEGA), da que forma parte O Barbanza e Código Cero, co patrocinio da Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia, organiza tres xornadas presenciais nas universidades galegas co obxectivo de conectar o estudantado, o sector profesional, o ámbito académico e a Administración pública. O ciclo busca ofrecer respostas a un momento de transformación profunda marcado polos cambios nos hábitos de consumo, o impacto das redes sociais, a desinformación e a irrupción da intelixencia artificial.
Os tres faladoiros contarán coa presenza do secretario xeral da lingua, Valentín García Gómez, e abordarán o panorama comunicativo galego desde perspectivas históricas, de xénero e de innovación dixital.
Calendario e contidos dos encontros
- Mércores 14 | Facultade de Ciencias da Comunicación (UDC, A Coruña)
- Título: ‘150 anos do Tío Marcos da Portela’
- Temática: Percorrido polo nacemento do xornalismo en galego, o seu papel na normalización lingüística ao longo do último século e medio, e a evolución da profesión ata o impacto actual da intelixencia artificial.
- Participantes: Xosé López García (catedrático da USC) xunto aos xornalistas Xurxo Salgado Teijido (Galicia Confidencial) e Silvia Carregal Martínez (As Nosas e Ártabra Comunicación).
- Xoves 15 | Facultade de Ciencias da Comunicación (USC, Santiago de Compostela)
- Título: ‘Begoña Caamaño e as mulleres nos medios en galego’
- Temática: Homenaxe á memoria das pioneiras do xornalismo galego e ao legado de Begoña Caamaño, analizando a igualdade nas redaccións, o liderado feminino, a representación informativa e os nesgos de xénero.
- Participantes: Ana Romaní Blanco (Real Academia Galega), Lucía Junquera Pazos (Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia) e Laura Moure Miguélez (Ecos da Comarca).
- Luns 19 | Facultade de Comunicación (UVigo, Campus de Pontevedra)
- Título: ‘Os medios en galego ante os novos retos da comunicación’
- Temática: Debate sobre o deseño dos medios que precisan as novas xeracións, poñendo o foco en conceptos crave como a confianza, a proximidade, a especialización e as novas narrativas fronte á desinformación.
- Participantes: Xosé Baamonde Silva (profesor da UVigo), María Cruz Negreira Rey (profesora da USC), Manuel Gago Mariño (representante do Consello da Cultura Galega) e Laura Filloy Martínez (xornalista de GCiencia).
Esta iniciativa forma parte do labor de AMEGA para fortalecer o ecosistema informativo propio. O ciclo conta co apoio da Xunta de Galicia e coa colaboración da Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e as tres universidades galegas (UDC, USC e UVigo).



