O outono comeza este sábado 23 ás 8.50 horas

22 Setembro 2023

Este sábado 23 ás 8.50 horas dará comezo o outono no hemisferio boreal, estación que se vai prolongar ata as 4.27 horas do 22 de decembro. O paso do verán ao outono prodúcese cando o Sol chega ao punto Libra da eclíptica, un dos dous puntos de intersección deste plano co ecuador celeste. De xeito semellante a cando comeza a primavera, estamos nas datas nas que teoricamente a noite e o día teñen a mesma duración. De aí a orixe da palabra equinoccio coa que se coñecen estas dúas épocas do ano. Entre os fenómenos astronómicos máis salientables desta nova estación atópase a eclipse parcial de Lúa do 28 de outubro que poderá contemplarse entre as 21.25 e as 22.52 horas, “aínda que terá unha baixa magnitude”, explica o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC.

A choiva de estrelas Xemínidas, unha das máis importantes do ano, acadará o seu máximo o 14 de decembro. Este ano estará favorecida pola ausencia da Lúa e agárdase que se poidan observar uns 150 meteoros/hora dende lugares con moi baixa contaminación luminosa. Outras choivas de estrelas desta época como as Dracónidas, as Oriónidas, ou as Leónidas terán moita menos intensidade.

En canto a cometas, unha vez pasado  o máximo brillo do Nishimura, haberá ocasión de seguir con prismáticos o 103P/Hartley que pasará o día 12 de outubro pola súa posición máis preto do Sol (perihelio), estando daquela proxectado na constelación dos Xemelgos. Días despois, na contorna das constelacións do León e a Cabeleira de Berenice, verase o cometa  2P/Encke, tamén con prismáticos, neste caso  antes do amencer. “Os planetas Saturno e Xúpiter estarán visibles nas noites de todo o outono, en tanto que Venus vai ser o luceiro do alba, e Mercurio poderá contemplarse ao amencer ata finais de outubro, e logo pasará a ser observado logo do solpor”, continúa o profesor Docobo.

Chuvia 

No eido da meteoroloxía, remata un verán pouco chuvioso aínda que con  máis precipitación que o ano pasado, especialmente en setembro. En total, medíronse 204,8 litros/m2 distribuídos do seguinte xeito: últimos dez días de xuño, 0,7 l/m2 nun día; mes de xullo, 39,7 l/m2 en dez días; mes de agosto, 39,3 l/m2 en nove días; e 125,1 l/m2 nos primeiros 22 días de setembro. “Aparte diso, choveu de xeito inapreciable (menos de 0,1 l/m2) un día a finais de xuño, outro en xullo, tres en agosto, e un en setembro”, engade Docobo.

“O feito de que a meirande parte da precipitación deste verán fora nocturna provocou a sensación de que a estación fora moito máis seca do sucedido en realidade”, engade. Neste mesmo século houbo veráns de moita maior seca, como aquel de 2016 con só 72,4 l/m2, e sobre todo o de 2010 con 54,8 l/m2.

No que vai de ano, a choiva recollida no pluviómetro na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, ascende a 1.008 litros/m2, superando claramente os 670 l/m2 rexistrados en 2022 ao final do verán. Aínda así, no que resta de ano terían que caer outros 800 l/m2 para chegar á media anual da cidade de Santiago de Compostela, que ronda os 1.800 l/m2.

Temperaturas 

Foron sete os días nos que a temperatura superou os 30º durante o verán en Compostela, ningún deles en xullo: 36º2 o 8 de agosto; 35º5, 23 de agosto; 35º4, 22 de agosto; 31º6, 24 de xuño; 30º8, o 23 de xuño e o 21 de agosto; e 30º5, 7 de agosto. A temperatura máxima en xullo foi de 28º2 (o día 26), e no que vai de setembro, 29º8  (o 14). En canto ás temperaturas mínimas, a máis baixa de todo o verán correspondeu aos  10º1 rexistrados o 16 de xullo, sendo a mínima máis elevada a da noite do 23 de agosto cando non baixou dos 21º8.

O outono prolongarase ata as 4.27 horas do 22 de decembro. FOTO: Santi Alvite

Outros artigos

Domingo 6, sol e suba das temperaturas

Durante o domingo, Corpous Christi, Galicia quedará baixo a influencia anticiclónica. Con esta situación, agárdanse néboas matinais no interior e ceos moi abertos no resto con nubes de tipo alto. Na Mariña teremos nubes de estancamento. As temperaturas mínimas...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...