O Concello de Boiro desenvolve un novo curso das aulas de educación para persoas adultas

05 Setembro 2023


O Concello de Boiro, a través da Concellería de Ensino, desenvolve un novo curso das súas Aulas de Educación Secundaria para Persoas Adultas, para o que abre o prazo de inscrición este mércores 6 de setembro. A concelleira de Ensino, Carmen Silva, e a técnico municipal, Elena Dosil, presentaron este martes as inscricións do curso.

Segundo fixeron saber, estas ensinanzas están destinadas a persoas maiores de 18 anos que non posúan o título da ESO e ofrecen “a posibilidade de adquirir, desenvolver ou complementar os coñecementos e aptitudes do alumnado para o seu desenvolvemento persoal e profesional”. Silva e Dosil engadiron que “estamos moi ilusionadas de comezar un novo curso deste programa que se desenvolve no Concello de Boiro dende fai máis de 30 anos e que cambia a vida das persoas, mellorando as súas competencias profesionais e tamén persoais“.

Entre os obxectivos específicos deste curso están os de adquirir e actualizar a formación básica, mellorar a cualificación profesional, adquirir novos conceptos, técnicas e habilidades para unha adaptación ao mundo laboral actual.

A Aula de Educación de Persoas Adultas do Concello de Boiro está adscrita ao IES San Clemente de Santiago de Compostela e o profesorado do centro desprázase a Boiro para as avaliacións. Os cursos son cuadrimestrais e as clases desenvólvense na Casa da Cultura de Boiro en horario de 20.00 a 22.00 horas coa finalidade de que sexan compatíbeis coa xornada laboral.

Ofértanse un total de 50 prazas divididas en catro módulos, podéndose realizar dous módulos en cada curso escolar, e cada un dos módulos consta de diversos ámbitos: científico-tecnolóxico (matemáticas, bioloxía, física), ámbito lingüístico (galego, castelán, inglés ou francés) e o ámbito social.

O prazo de inscrición está aberto dende este mércores 6 de setembro e ata o vindeiro día 27. As persoas interesadas en participar deberán presentar no Rexistro Xeral do Concello de Boiro o modelo de solicitude dispoñíbel na web municipal.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.