A xira de Galicia sabe aMar segue o seu percorrido pola nosa xeografía. A seguinte parada será en Porto do Son, concello no que recala (na fachada marítima da vila) esta semana: o luns 4 e o martes 5 de setembro. A xira, impulsada pola Consellería de Mar, tamén recalará en Portosín días despois, na praza do Curro, onde poderemos visitar a unidade móbil (unha foodtruck gastronómica na que se reivindican os nosos produtos pesqueiros e marisqueiros) os días 9 e 10 de setembro.

Galicia sabe aMar é é unha campaña da Xunta de Galicia que nace no verán de 2021 para animar á cidadanía a través da retranca galega e os dobres sentidos a consumir produtos do mar, impulsar a súa venda e poñer en valor o labor dos profesionais da pesca e do marisqueo.
Este 2023 a iniciativa sóbese ás catro rodas a través de catro foodtrucks que levarán o sabor das rías galegas por máis de 250 municipios de toda España vinculados ao Camiño de Santiago. En cada parada os visitantes poderán degustar algún dos 10 petiscos pensados para a campaña e realizados a base de produtos certificados do mar e da terra.



