
A IX Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo celebrou en Rianxo a última das cinco xornadas programadas este domingo 18 de outubro. O evento, organizado pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo e patrocinado pola Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo, acolleu na mañá da última xornada a xa habitual Mesa da Pesca Sostible no Salón de Actos do Auditorio, baixo o título Restaurando o mar: Compromiso Azul.
Moderada por Javier García Galdo (biólogo mariño), contou coa participación de Pedro Cendón (biólogo da Fundación Amicos), Thais Betanzos Paz (usuaria da Fundación Amicos) e Manuel A. Reiriz (presidente da Asociación de Percebeiros de Aguiño). Os participantes debateron sobre o impacto real das iniciativas do Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración dos Ecosistemas (2021 – 2023), o chamamento global da ONU para a protección e recuperación dos hábitats naturais do planeta.

A continuación foi a quenda da presentación de Un mar de curiosidades, segundo libro de Javier García Galdo. Unha obra de divulgación científica, narrada dende a curiosidade e a imaxinación, que nos achega aos misterios do mar e dos seus habitantes sen esquecer a relación que os humanos temos co mundo mariño. Galdo é biólogo mariño, docente e divulgador, cuxa longa traxectoria profesional estivo sempre ligada á pesca e ao marisqueo.
Durante a mañá tamén se celebraron as últimas saídas de Navegación Tradicional nesta IX MDFDM. Ás 10:00 h e ás 12:00 h, e en colaboración coa Asociación Cultural Setefoghas. saíron ao mar dúas dornas e unha buceta, permitindo aos asistentes gozar dunha experiencia de navegación a bordo destas embarcacións tradicionais da ría de Arousa.
Nesta xornada tamén tivo lugar no porto rianxeiro a derradeira saída do balandro Santa Cruz, en colaboración con Bluscus Galicia Marinera.

A tarde comezou co pase da sección Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos. Nesta novena edición achegámonos ao cinema documental noruegués grazas á colaboración coa Biblioteca Nacional de Noruega, a través dunha escolma de seis películas de grande valor histórico, sociolóxico e antropolóxico, realizadas entre 1910 e 1929. Os filmes Bautizo e botadura do Midnatsol (1910), Pesca do arenque atlántico preto de Ålesund (1914), Actividades de natación no fiorde de Kritiania (1919), Secado de peixe (1924), Filmes de natureza Tiedemann: pesca nas Lofoten (1929) e Unha viaxe
turística polo norte de Noruega (s.d.) levaron aos presentes a unha viaxe pola Noruega de primeiros do século XX, ofrecendo unha mirada directa sobre a sociedade local da época e a súa estreita relación co mar.

A continuación, comezou o acto de clausura desta IX edición de MDFDM coa entrega de premios aos filmes gañadores da Competición Oficial. O xurado da IX Mostra, composto por Ana Domínguez, Antón Caeiro e Guillermo F. López, decidiu outorgar o Premio á Mellor Película (cunha dotación económica de 2.000 €) a Les Copains d ́abord, de Thomas Laliberté e Marilou Muller (Canadá, 2025), “por ofrecer unha mirada cálida sobre unha comunidade en contraste coa dureza do entorno que a rodea”. Asimesmo, “pola combinación entre un mundo telúrico e un científico a través dun coidado pola fotografía e son”, o xurado decidiu conceder unha Mención especial ao filme Chuuraa, de Evgenia Arbugaeva (Reino Unido, 2026).

O Premio do Público (cunha dotación económica de 1 000 €) da novena Mostra Mares da Fin do Mundo, outorgado polos asistentes ao festival a través das súas votacións, foi para Seablindness, de Tereza Smetanová (Eslovaquia, 2025). Por último, o Premio do Público á Mellor Película Galega recaeu no filme O mar é o meu chan, de Xoán Vázquez (Galicia, 2026), quen acudiu ao festival no acto de clausura para recoller o premio en persoa e adicar unhas agarimosas palabras de agradecemento ao público e á Mostra.
Como colofón a esta IX edición de MDFDM, proxectouse Fillos dunha batea, estrea da primeira produción da directora rianxeira Alejandra Tubío Mariño (España, Galicia, 2026), unha obra que nos achega á realidade do sector bateeiro da ría de Arousa, poñendo o foco no seu compoñente humano e na batea como eixe central da vida de moitas familias na zona, reivindicando un oficio duro e mostrando que o mar non é só traballo, senón unha forma de vida.

A Mostra contou coa presenza da directora na xornada, quen presentou o filme e participou ao seu remate nun coloquio co público asistente.
Tamén interveu o alcalde rianxeiro Julián Bustelo, quen no seu discurso de clausura fixo fincapé na importancia “dun evento que fala de temas moi próximos á vida do concello de Rianxo, como son a pesca sostíbel e a conservación mariña”. Amais, tivo unhas palabras de agradecemento ao esforzo e traballo feito polo equipo da Mostra ao longo de todo o ano para facela posíbel, poñendo en valor a calidade técnica do evento e a importancia da súa mensaxe.
A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na
dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e o Concello de Rianxo. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).




