
Luís Pérez, do Bloque Nacionalista Galego, é desde este venres o novo alcalde do municipio coruñés de Ribeira, onde os nacionalistas compartirán o goberno con Partido Barbanza Independente (PBI) e o PSOE.
Os votos das tres forzas políticas que rubricaron un acordo de goberno o pasado 16 de xuño serviron para alcanzar a maioría absoluta (suman once dos 21 edís da corporación) no pleno de investidura celebrado ás 12,00 horas deste venres.
Pérez convértese así en rexedor do municipio do Barbanza, onde a sesión de constitución tivo que atrasarse por un recurso presentado no partido xudicial polo Partido Socialista.
O nacionalista releva ao popular Manuel Ruiz Rivas, alcalde de Ribeira desde 2011 e candidato ao Senado polo PP o 23 de xullo que deu un paso á beira para tratar de favorecer o entendemento cos independentes do PBBI, un partido formado por exmilitantes do PP.
Con todo, o PBBI, con cinco edís, decantouse por unha alianza co BNG, tamén con cinco concelleiros pero máis votos que os indepedientes, aos que se uniu o edil do PSOE, clave para desfacer o empate coas dez actas do PP.
Finalmente, a candidata postulada polos populares no pleno deste venres foi María José Sanpedro, que recibiu unicamente os votos do seu grupo. Do outro lado non houbo sopresas, co que se fixo efectivo o acordo alcanzado a mediados de xuño para conformar un goberno alternativo ao PP no que estarán presentes as tres formacións co nacionalista Luís Pérez á cabeza.
Tras recibir o bastón de mando e prometer o seu cargo “por imperativo legal”, o novo alcalde tomou a palabra para agradecer a “xenerosidade” de PSOE e PBBI por “superar” as súas “diferenzas” e “afianzar” o que os “une”.
Así, Pérez mostrou a súa confianza en lograr que Ribeira teña un “goberno eficaz” que “traballe” polo interese dos veciños de “todas” as parroquias do municipio barbancés.
REPARTICIÓN DE ÁREAS DE GOBERNO
O acordo de goberno establece unha repartición de áreas de forma “equitativa” entre as tres formacións en función do seu peso na corporación froito do resultado das eleccións, onde o BNG foi segunda forza con algo menos de 200 votos por diante do PBBI, aínda que ambas as formacións lograron cinco edís; mentres que o PSdeG fíxose cun concelleiro.
Deste xeito, o próximo goberno de Ribeira dividirase en once áreas, tantas como actas de edil teñen as tres formacións que o conformarán. Cinco serán para o BNG (entre as que estarán urbanismo, cultura, mobilidade, promoción económica e obras), outras cinco para o PBBI (servizos sociais, mar, medio rural ou facenda, entre outras) e unha para os socialistas (turismo, festas e relacións institucionais).
Ademais de apoiar a investidura de Pérez Barral, que ostentará “todas as atribucións” como alcalde; independentes e PSdeG comprométense no seu acordo para actuar de forma conxunta na acción de goberno e a traballar de forma “consensuada”, tamén á hora de valorar as iniciativas que leve a pleno a oposición, que quedará integrada de forma exclusiva polo PP con 10 edís nunha corporación de 21 asentos.
Discurso investidura Alcalde de Ribeira Luís Pérez 7-07-2023
Membros da Corporación Municipal, representantes das entidades que
hoxe estades presentes, familia persoal e política, veciños e veciñas…
Hoxe, é unha honra poder dirixirme a toda a cidadanía neste momento
no que comezamos un tempo novo na historia de Ribeira. Constitúe
para min un verdadeiro exercicio de responsabilidade encabezar un
goberno baseado nunha maioría ampla que garante estabilidade
institucional do noso Concello. Quero, neste sentido, poñer en valor a
xenerosidade amosada por todos os grupos, especialmente polo PBBI e
PSOE, que foron capaces de superar o que nos diferenza e reforzar o
que nos une para abrir unha nova etapa no municipio. Moitas grazas de
corazón, sei que seremos un goberno eficaz e que velará polos
intereses da poboación ribeirense.
Non quero esquecer tampouco neste agradecemento, a toda a
veciñanza que depositou a súa confianza en nós porque, sen ela, sen
vós, nada disto tería sido posible.
Permitídeme tamén que faga un agradecemento ás persoas que me
acompañaron até aquí, a meus pais, a miña parella, ás amizades e
compañeiros de partido. Grazas por ese apoio incondicional que
sempre me brindastes.
Quero tamén agradecer o traballo feito por todas as persoas que xa non
están e que tantas horas da súa vida dedicaron para facer unha Ribeira
diferente, empoderada e orgullosa de si, para todas elas vai o meu
recordo e a miña gratitude.
A política é a ferramenta coa que nos dotamos para construír un mundo
mellor. Neste caso a política municipal supón un reto apaixonante
cunha alta esixencia. Esixe estar ao día, esixe esforzo e dedicación, esixe
escoitar e cumprir coas demandas veciñais ao tempo que se toman
decisións coas que mellorar a calidade de vida da poboación.
A política que faremos será a de man tendida, a do diálogo e a da
participación social. Quen me coñece sabe que son unha persoa
disposta a falar con todo o mundo para chegar a entendementos que
garantan un maior benestar para a poboación ribeirense, e así seguirei
facendo dende a Alcaldía.
Este será un goberno de portas abertas, un goberno no que Aguiño,
Artes, Carreira, Castiñeiras, Corrubedo, Oleiros, Olveira, Palmeira e
Ribeira, así como todos os seus lugares e barrios, van estar sempre
presentes en todas e cada unha das áreas de goberno como partes dun
todo que ten un inmenso potencial.
Dicía Castelao que “o verdadeiro heroísmo consiste en trocar os
desexos en realidades, as ideas en feitos” e nesta primeira intervención
como alcalde, quero comprometerme coa veciñanza a impulsar unha
acción de goberno que desenvolva todo o potencial do noso concello.
Unha boa mostra dese potencial foron as iniciativas punteiras como a
que representou a dos talleres Nervión, mais tamén para poñer en valor
a actual industria conserveira e de transformación, o sector pesqueiro,
a lonxa e o sector dos servizos en xeral. Polo tanto, a combinación da
situación do noso concello nunha contorna privilexiada, cunha
veciñanza traballadora e con vontade para construír un futuro xuntos, é
fundamental para desenvolver ese potencial, e nesa tarefa contade con
nós, nunha Ribeira que mira ao mar como fonte de recursos, de vida e
de inspiración.
O goberno que hoxe asume as rendas do Concello de Ribeira terá como
principal obxectivo traballar coa vocación de solucionar os problemas
existentes. Será preciso ser áxiles e eficaces na xestión, por iso nos
comprometemos a tomar as medidas necesarias que permitan contar
cunha administración eficiente e realizar accións que garantan un bo
trato ao cidadán desde a Administración Pública Local.
Asumimos o grande compromiso de contar cunha Ribeira ben coidada,
verde e sostible, porque será unha prioridade reforzar o mantemento e
a limpeza de parques infantís, paseos e mobiliario urbano. Unha Ribeira
máis verde, con árbores nas rúas, que loite contra o cambio climático e
que inicie ese proceso de transformación urbana co que eliminar as
barreiras arquitectónicas, convertendo o noso municipio nun espazo
integrador no que as persoas estean no centro da acción de goberno.
Co impulso deste novo goberno, Ribeira avanzará tamén no ámbito
económico mediante a materialización do polígono industrial, vital para
asentar empresas pero tamén mediante a dinamización das rúas para
darlle vida aos barrios e apoiando ao comercio e hostalaría.
Unha Ribeira con máis cotas de benestar social, promovendo a
conciliación familiar e laboral e garantindo os bos coidados para as
persoas maiores, ás que tanto e tanto lles debemos. Facilitando tamén
que a mocidade deste concello poida construír o seu proxecto de vida e
de traballo aquí e non teña que marchar.
Nesta nova etapa remataremos con proxectos comezados pero tamén
iniciaremos outros, como esa necesaria sede dos deportes náuticos
nunha aposta por converter Ribeira nun referente nesas disciplinas.
Neste sentido, quero destacar o noso compromiso co deporte, cos
nosos clubs deportivos cos que queremos fomentar o traballo desde a
base para animar a ter unha vida máis saudable.
O noso compromiso coa igualdade entre homes e mulleres mais tamén
coa diversidade para aquelas persoas que pertencemos a algunha
minoría. Desde o Concello de Ribeira apostarase polo respecto cara ós
demais, construíndo unha sociedade xusta e tolerante evitando todo
tipo de discriminacións.
Desde o goberno municipal acompañaremos a todas as entidades e
asociacións sociais, deportivas, culturais e veciñais, na realización dos
seus eventos e actividades porque sodes o soporte esencial co que
facer un concello vivo e dinámico.
Como alcalde de Ribeira, reitero hoxe aquí a promesa de seguir
acompañando á veciñanza loitadora, que non baixou os brazos para
defender os servizos públicos esenciais como a Educación ou a Sanidade
públicas. Teredes neste goberno de Ribeira un fiel aliado.
Por último, reafirmamos o noso compromiso coa cultura, lingua e a
educación, para garantir unha oferta variada que apoie o talento local
de todas a veciñas e veciños que se dedican á arte en tódalas súas
formas e expresións.
Son consciente de que temos depositadas moitas esperanzas e moitas
ilusións neste novo tempo na historia do noso concello, e por iso
comprométome a desempeñar o cargo de alcalde de Ribeira con
humildade, con honradez e coa entrega necesaria, sendo sempre firme
na defensa dos intereses do noso concello. Veciños e veciñas, hoxe ante
vostedes, prometo dar o mellor de min para estar á altura de tan alta
responsabilidade.
Porque temos un futuro por ganar.
Por unha nova Ribeira.