Logo de meses e meses de mobilizacións por parte da cidadanía de Corrubedo, reclamando mellor atención médica no seu centro de saúde (e máis permanente e continuada, co fin de achegar un mellor servizo á poboación e evitar desprazamentos a Ribeira), a área sanitaria autonómica de Santiago e Barbanza anunciou que, “dentro da planificación do verán para o Consultorio de Corrubedo”, e “posto que o médico titular da praza está de baixa”, garantirase a presenza do médico de familia todos os días, “a maior parte deles a xornada completa”. Este trámite, feito posíbel pola Área Sanitaria de Santiago e o Servizo de Atención Primaria de Ribeira, tamén contempla que cada día da semana “vaia o mesmo facultativo, co obxectivo de que se poidan citar para revisións co mesmo profesional”.
Trátase, sinalan, “dunha medida provisional pois cómpre lembrar que está en marcha o segundo concurso de méritos para ocupar postos de difícil cobertura e que Corrubedo está dentro deste plan”. Así pois, está previsto que a mediados de setembro se cubra a praza, engaden, apuntando que “a falta de substitutos fai que que cobertura das ausencias dos médicos titulares dependa da organización e planificación de cada servizo contando coa voluntariedade dos facultativos para asumir as consultas dos compañeiros”.
Por outra banda, conclúen, “a accesibilidade a unha consulta médica no CS de Corrubedo está garantida e monitorízase a diario non existindo demoras nas citas”. En concreto, dende este martes hai citas dispoñíbeis para o mesmo día.



