
Na noitiña de onte o Partido Popular mantivo un acto veciñal no entorno do porto de Castiñeiras (con anterioridade tamén celebrou outros mítines na Ameixida e nos Areeiros dentro da mesma parroquia) co obxectivo de explicar cales son as propostas do seu programa electoral e os motivos polos que a formación encabezada por Manolo Ruiz debe gobernar o Concello sen ter as mans atadas á espalda como aconteceu nesta lexislatura na que por primeira vez na súa historia a oposición impediu a aprobación dos orzamentos en 2022 e 2023. Xunto ao candidato á Alcalcía tamén interviñeron Álex Vidal número 4 da candidatura; Susi Paz, número 15; e Javier Sampedro, actual concelleiro no Goberno Local en representación desta parroquia.
Entre as medidas plantexadas pola formación popular para esta zona do municipio figuran a mellora da fachada marítima en varios tramos, entre os cales figuran o calmado de tráfico (un obxectivo para o cal o Concello conseguiu unha subvención europea para mellorar a seguridade viaria e reducir as emisións de CO2) e, por outra parte, a creación de sendos paseos na Ameixida e Fonte Seca e a rehabilitacion da antiga fábrica de salgadura ubicada en Punta Castro para que os veciños teñan alí un punto de encontro social: tres actuacións das que o Concello xa ten cartos consignados grazas a obtención de fondos Next Generation para executar o Plan de Turismo Sustentable.
Outras actuacións incluídas no programa electoral consisten no arranxo da rúa do Río da Rateira e rúa Mosqueiros, a instalación dun parque ecosaudable no Paseo de Castiñeiras, a ampliación da rúa do Alto da Fonte á Estrada Xeral, a plantación de árbores no paseo do Castro-Catía, a reparación das zonas de zahorra do Paseo de Touro- Ameixida, a creación dun aparcadoiro público para os vehículos que estacionaban na beirarrúa antes da curva pechada dos Mosqueiros, a remodelación de Areeiros, a ampliación da Ponte do Río Paxariñas, melloras na Chouza e nas Cobas, e executar o segundo cinto de traída de auga desde Aguiño, así como negociar a compra dunha finca xunto ao colexio para ampliar prazas de aparcamento.
Fibra
Outra proposta que figura no proxecto do Partido Popular é a de buscar solucións para a implantación de fibra óptica na parroquia, asunto sobre o que Álex Vidal explicou a xestións que se puxo a realizar dende o momento mesmo en que se incorporou á candidatura do Partido Popular para satisfacer esta necesidade.
Álex Vidal expresou a súa firme convicción de defender os intereses dos veciños de Castiñeiras co mesmo empeño que o que aplica na súa vida como deportista.




