A Casa de Cultura de Olveira abarrotouse este venres 19 de maio pola noite con motivo da celebración do acto cos veciños do Partido Popular de Ribeira, que contou coas intervencións do alcalde Manuel Ruiz; de Carmen Pérez, candidata por esta parroquia; e de Elvira Pereira, a representante actual, quen aínda que non repite nos postos de saída expresou a súa intención de apoiar e axudar a Carmen “no que faga falta”.

Ruiz Rivas deu a coñecer algunhas das medidas contidas no seu programa para a parroquia, unha das cales consiste en “completar totalmente a rede de saneamento e abastecemento de auga e o resto de servizos básicos municipais en toda a parroquia”: un labor no que, dixo, aínda que non se ve como pasa con outras actuacións, leva traballando dende que colleu a alcaldía actuando en numerosos núcleos e lugares como Agrelo, Reiriz, Sirves, Cucheriza, Olveira de Arriba, Bretal, Iñeiras, etc., ademais de lograr que a Xunta mellorase a estrada AC-303 que vertebra boa parte da parroquia.
Neste eido, entre as actuacións concretas contidas no programa inclúense a dotación de saneamento a Barreiro ou Cruceiro do Viso, en tanto que, segundo confirmou, xa hai partidas aprobadas con cargo ao POS ou ao remanente para ampliar o saneamento de Agrelo e Sirves e para dotar de saneamento ao lugar de Espiñeirido.

Sendeiro a San Benito
Tamén se pretenden construír beirarrúas de Olveira e executar asfaltados en sitios como A Cucheriza, Espiñeirido, a Igrexa ou o estacionamento das antigas fosas en Bretal. De igual xeito, crear unha zona verde nunha parcela municipal na Piollosa en Bretal, remodelar o parque das Dores en Sirves ou mellorar o transitado sendeiro cara a San Benito. Tamén recordou que se está a “colaborar conxuntamente co concello veciño de Porto do Son para mellorar e poñer en valor o miradoiro do Monte Tahúme”.
Outra das medidas consiste en xestionar coa Xunta de Galicia a remodelación do Colexio de Olveira tal e como vén de facer nesta mesma lexislatura con outros centros educativos como os de Palmeira e Frións, sendo unha das dúas prioridades no ámbito educativo xunto á ampliación do colexio O Grupo. De igual xeito, quérese mellorar o parque infantil e a pista que dá acceso ao colexio de Olveira.